O responsable nacionalista fai un chamamento á unión de todo o sector para que Administración, empresas e explotacións teñan unha soa voz e camiñen xuntos
27 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.As revoltas no campo están a marcar a actualidade. Os produtores de leite e carne lideran as protestas, que no primeiro caso están a causar graves danos a algunhas empresas.
-¿Tan mala é a situación?
-Tódolos anos por estas épocas hai axustes de prezos en orixe. Pero esta campaña están sendo máis bruscos, entre outras cousas porque no exercicio pasado houbo subas no litro moi grandes. A isto habería que sumar a alza dos custos de produción.
-Non parece un contexto moi alentador...
-Eu diría que o 2007 foi excepcional para o sector lácteo e o 2008 debe ser un exercicio razoablemente positivo a pesar dunha situación de crecente incerteza, que non só afecta a Galiza senón a outras zonas.
-¿Que é o que está a facer a Xunta neste conflito?
-Os traballos de mediación sempre é bo facelos sen ruído, sen moitos amplificadores.
-¿Por que hai entón ese descontento no sector produtor?
-En Galicia está a producirse un maior grado de agresividade que non se dá noutras zonas do Estado, cando este problema non é exclusivamente noso.
-¿Que explica esa singularidade?
-Escápaseme. Eu constato un feito: o leite baixa en todas as comunidades e aquí temos un nivel de radicalidade maior, que non vexo noutros territorios.
-¿Iso pode ter unha explicación política?
-Eu non digo iso.
-Hai quen pensa que Unións Agrarias non se mobilizaría deste xeito se Medio Rural estivera en mans socialistas...
-Creo que temos que movernos no territorio da constatación dos feitos, que cada un saque despois as súas conclusións.
-Vostedes foron o primeiro Goberno en formular un modelo de estabilidade de prezos en orixe, pero a industria non o quere, parece unha iniciativa abocada ao fracaso...
-Cando nos propuxemos o contrato homologado en xullo do ano pasado non o quixeron porque había prezos moi altos. A reacción non foi boa. Pero agora é un contexto mellor; para ter este sistema debe haber vontade das partes. Hai bases para que poidamos chegar a un acordo. Son optimista.
-As industrias din que non se poden pactar prezos en orixe...
-E que non se trata diso, regula unha relación de cotizacións que pode flutuar en función de variables que se poden obxectivar. Hai unha normativa que permite esta figura, que xa a temos no viño.
-¿Cree que cos excedentes de leite que hai en Europa as industrias van aceptar esta fórmula?
-Si porque xa existe noutros países. E non hai que esquecer que, a nivel mundial, o leite é deficitario.