La Voz presenta na Academia o libro de Novoneyra que ofrecerá o Día das Letras
CULTURA
«Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas» entregarase aos lectores por 1 euro
13 may 2010 . Actualizado a las 21:33 h.A Real Academia Galega acolleu na tarde de onte a presentación do libro Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, de Uxío Novoneyra, co que La Voz de Galicia homenaxea ao poeta do Courel, protagonista este ano do Día das Letras Galegas. A presentación converteuse nunha emotiva confluencia, primeiro de entidades, da Real Academia Galega «que dalgunha maneira é un río que xa ten máis de cen anos, un río inmaterial, un río espiritual, e La Voz de Galicia, que é outro río inmaterial de Galicia, o río da sociedade, no que queremos que se exprese a sociedade», dixo Xosé Luís Vilela, director deste xornal, despois de que o presidente da RAG, Méndez Ferrín, salientara que quen convocaba alí era a figura de Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, 1930-Compostela, 1999).
Foi o acto tamén unha confluencia de vellas amizades: «Hai moitos anos, moitos, coñecín a Uxío, cando La Voz estaba na Cidade Vella; trabamos unha amizade que lembramos con Elba hoxe», dixo Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de La Voz de Galicia. Tamén a reencontro soaban as súas palabras de agradecemento dirixidas ao presidente da RAG: «Para La Voz volver a esta casa con motivo do Día das Letras Galegas e o merecido recoñecemento a Uxío, é un pracer, e para min tamén é un honor».
Nese camiño común entre a Academia Galega e La Voz de Galicia abundou Xosé Luís Vilela: «Eses dous ríos da cultura galega e da sociedade teñen tramos que fixeron, e que fan, sempre en común desde aqueles inicios con Manuel Murguía escribindo no xornal, ou con Andrés Martínez Salazar, que no ano 1885, vinculado á propiedade e á dirección do xornal, creou a Biblioteca Galega, da que o primeiro número foi Los precursores de Manuel Murguía e o último é o que os lectores de La Voz poderán ler o próximo luns, 17 de maio, que é o que nos une hoxe para disfrutar deses dous ríos que tantas veces se atopan, se prestan as augas e falan en común». Este libro, sinalou a viúva do escritor, Elba Rey, «non o quixo editar a Xunta».