Lugar: Fundación Caixa Galicia
Días: Ata o 6 de xullo
Horario: Luns a venres: 12:00 h. a 14:00 h e 18:00 h. a 21:00 h. Sábados, domingos e festivos: 12:00 h. a 21:00 h
Precio: Gratuito
Os impresionistas foron os primeiros que deixaron claro que era máis importante o que o artista percibía que o que sucedía verdadeiramente. Foi un prodixio inverso: canto peor miraban máis vían.
Sorolla foi un impresionista como puído porque naquela altura nese país que di ser España a obxectividade era cousa de deus e os artistas, aínda os endiosados, non tiñan dereito a mirar por outros ollos que os da divina creación. No que deu foi abrindo campo ata converterse nun tópico que padece as rimas doadas e os carteis do esplendor mediterráneo.
De Sorolla a Joan Manuel Serrat non creo na mítica do Mediterráneo. Pero existe. As míticas existen non porque haxa motivo para elas senón porque hai quen se decide a cantalas, a facer subliñados constantes. Unha das míticas mediterráneas é a luz e Sorolla conseguiu en certo xeito dar idea de que luz e cor son a mesma cousa: unha materia manipulable, exaltada, enerxética.
Logo viñeron os oficinas de turismo e promoveron o luminismo mediterráneo do mesmo xeito que proclamaban para Galicia que a chuvia era unha arte. Sorolla entrou perfectamente nesa intención e, aínda que sen culpa pola súa parte, hai algo da súa forma de traballar que fixou as postais. Joaquín Sorolla é ao mediterráneo levantino o que Toulouse-Lautrec a aquela forma de bohemia parisina que agrupaba todos os vicios. O Mediterráneo sigue e a bohemia cambiou os líquidos polos polvos. É dicir: autodisolveuse.
Cando un consegue esquivar os tópicos da pintura impresionista queda só a pintura, que é moito e así semella máis grande, máis potente, máis pintura. Porque no fondo o que fixo o impresionismo non foi cambiar o carácter da paisaxe se non cambiar o carácter da pintura. Deixou de ser fotocopia para ser por si mesma.
A Sorolla pásalle o mesmo cando se apartan os tópicos e os folclores. Queda clara a potencia do pintor, as intuicións do artista disposto a saltarse as liñas establecidas. O mar e os nenos son esa última desculpa: a necesaria.
Pero a exposición que ten a Sorolla como centro mostra algúns outros centros de gravidade da pintura nesa época. Zuloaga, Anglada Camarasa, Rusiñol, formas de pintura que buscaba en moitos sentidos escapar do tenebrismo español e, cando non, dunha certa corrente do quietismo que foi identificada para ben como o mellor da pintura española dos clásicos. Era, como case todas, unha interpretación política.
Os cadros proceden do Museo de Bellas Artes de La Habana e pode ser que Sorolla resulte menos luminoso alá e Zuloaga máis escuro. Aínda así poida que fosen unha xeración de artistas que buscaban unha fuga á persistencia do español ou á rebusca de significados para este xentilicio que, despois deles, foi contundentemente baleirado de connotacións positivas e cuberto cun recheo de falsa retórica. Tamén na pintura. Tamén por iso pode ser que pasaran a un segundo plano da historia. Ese plano no que predominan os lugares comúns e a interpretación da pintura segundo o seu nivel máis superficial.
Quizais Sorolla e Zuloaga sexan dúas maneiras de mirar sobre a mesma cousa. Ou quizais sexa outro tópico innecesario porque toda a pintura debera ser a mesma pintura.