Beatriz García Turnes vén de publicar Vida e obra de Ramón Piñeiro (Galaxia).
-¿Como aborda o legado de Piñeiro neste libro?
-O libro ten dous obxectivos estreitamente relacionados. O primeiro é achegar a figura de Ramón Piñeiro a todo tipo de público interesado e, especialmente, a alumnado de secundaria, con poucos coñecementos sobre o seu papel na historia da cultura galega. E o segundo obxectivo é dar a coñecer esa época, os tempos do franquismo e o que supuxeron para a lingua e a cultura galega, así como que se recoñeza o mérito dos que loitaron por sacalas adiante en circunstancias difíciles.
-¿Cal é a principal achega deste texto?
-O libro ten dúas partes. Na primeira faise un repaso da vida e da obra de Ramón Piñeiro e a segunda parte consiste nunha selección de dez textos escritos por Piñeiro que pretende escolmar distintas facetas da súa obra.
-¿E cal cre que foi a contribución de Piñeiro á nosa cultura?
-Dende o seu posto de director literario da editorial Galaxia, Piñeiro tivo un papel sobranceiro na reconstrución cultural da Galicia da posguerra. Tamén podemos destacar a súa contribución, como autor e como editor, ao desenvolvemento do ensaio en galego.