O fouciño e a velocidade

Camilo Franco

CULTURA

14 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Din que a velocidade é un argumento fundamental para que un fouciño cumpra eficazmente o seu traballo.

Cultura política. Entre as miles de hipóteses manexadas para a derrota electoral do bipartito ningunha quixo relacionarse coa cultura. A pesar de que o PP atribuíu a unha parte do sector cultural galego a derrota de Fraga hai catro anos. Unha campaña inaceptable, dixeron os populares entón. Tampouco en ningunha das distintas partes do Bloque quixeron darlle voltas a isto. E non deixa de ser unha evidencia que non o fagan porque o resto do mundo entende que hai unha relación próxima entre o mundo da cultura galega e o partido que non é tal. Ata o punto de que algúns dos gañadores consideran que a cultura do país saíu derrotada das eleccións. Mirando a atención que presta o Bloque ao mundo cultural alén das cousas do sector non semella que esa relación sexa a que di a maioría gañadora. Máis ben ao contrario. Porque se o sector cultural é un dos que fornece a cultura política do BNG non parece que sexa escoitado na mesma medida. Non o foi mentres houbo bipartito. E agora que toca saldar as contas e asistir a outra refundación parece que tampouco. ¿Ninguén se preguntará se iso tivo algo que ver co resultado do primeiro de marzo?

Política cultural. Desde que un presidente francés tivo, hai corenta anos, a feliz idea de contratar a un intelectual para un Ministerio de Cultura tomamos máis racións de política cultural que de cultura política. Para unha sociedade, a cultura é unha ferramenta de comunicación ou lugar de identificación ou mínimo común denominar. Ou algo de entretemento. Para un Goberno é un sector que calmar con grandes palabras e poucos fondos. Un algo sen a rendibilidade de facer autopistas e cunha parroquia que ten unha capacidade dialéctica para a réplica por riba da media. Por iso todo mundo pronuncia a palabra cultura con moita soltura, con escasa intención política e para demostrar que as lecturas da universidade foron de algunha utilidade. Pero a cultura é o último do que se fala e o primeiro no que se aforra.

Política minorizada. O que suceda co departamento de Cultura na inmediata Xunta non ten tanta importancia como poida ter o que suceda con cada un dos sectores culturais decididos a converterse en industria aínda que sexa minorizada. Sen embargo, a política ten un curioso efecto nas democracias cultas. Durante moito tempo ofrecen a impresión de que o importante non son as cousas senón cal sexa o conselleiro ou ministro que vaia mover a carteira do sector dun lado para outro. É un curioso efecto que, quizais, garde relación coa resignación. Como agora xa ninguén fala de política de verdade, aínda que sexa inxenuamente, entréganse de maneira apaixonada a falar das crises ministeriais, dos futuribles, dos castigados, dos que serán premiados, do sector ourensán, como se toda esa información fose coñecemento, como se nomear conselleiros ou ministros fose facer política. Iso tamén pesou no asunto de marzo.

Sinde non descarga. Mentres non chegan os conselleiros nin o Bloque encontra a gran esperanza branca, a xente do copy-left está algo desgustada con Zapatero, pero non porque non saiba inglés suficiente para preguntarlle a Obama canto custa o seu avión presidencial. Está mosqueada porque Ángeles González-Sinde non era a ministra que esperaban para cultura. Seguramente valoran en moito máis a importancia de ser ministro do que a ministra valora a importancia de facer cine.