Manicómicos levará o humor ás rúas coruñesas

EFE

CULTURA

A gran gala, que será o acto central do festival, terá como tema central o Rock&Roll e nela participarán máis de 20 artistas

11 mar 2009 . Actualizado a las 23:12 h.

O Festival Internacional de Teatro Manicómicos arrancará a súa sétima edición o próximo sábado 14 de marzo cun pasacalle inaugural e levando o humor ás rúas e aos teatros da cidade até o próximo día 22.

A concelleira de Cultura do Concello da Coruña, María Xosé Bravo, presentou hoxe o programa do festival, que contará con artistas da importancia do humorista Pepe Viyuela e con Yllana, que traerá á cidade a súa última produción, «Brokers».

O teatro galego tamén terá unha representación importante, coa estrea da obra «O forno», de Elefante Elegante; San&saN, coas vellas do programa Luar, ou a Asociación Cultural Manicómicos coa súa obra «Deprimidos al río».

A gran gala, que será o acto central do festival, terá como tema central o Rock&Roll e nela participarán máis de 20 artistas, entre músicos e actores, ademais de que o público está convidado a mimetizarse co ambiente e acudir disfrazado de roqueiro dos anos 50.

O director do festival, Carlos Sante, e o responsábel de comunicación, Willy Éter, salientaron que o obxectivo do festival é axudar a levar a crise con medidas como a conxelación dos prezos das entradas ou coa crítica «divertida e mordaz aos que nos meteron nisto», a través das obras das sete compañías que intervirán no festival.

Así mesmo, os representantes da Asociación Cultural Manicómicos agradeceron a colaboración do Concello, que lles permitiu contar cun local propio e continuar fomentando a creación teatral e a formación de actores e actrices.