Actos académicos e cívicos celebrarán o centenario de Curros Enríquez

Camilo Franco

CULTURA

As homenaxes pretenden divulgar a memoria do poeta e realizar actividades de carácter popular

20 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A presentación do libro Os símbolos de Galicia serviu para que o presidente da Real Academia Galega anunciase que o 2008 será o ano de Curros Enríquez conmemorando o centenario da súa morte.

No Consello da Cultura Galega e tras falar dos símbolos do país, o presidente da RAG asegurou que Galicia «ten unha débeda con Curros Enríquez, coa súa defensa de Galicia e coa instauración dos seus símbolos». Este sería o punto de partida para unha homenaxe que aproveitaría que en febreiro do vindeiro ano vai celebrarse o centenario da morte do escritor e, xa en marzo, a chegada dos seus restos mortais á Coruña.

Os motivos desta celebración son variados e non entran en competencia coas actividades derivadas do Día das Letras Galegas. Segundo Xosé Ramón Barreiro «está o centenario da morte de Curros, está o seu traslado á Coruña e o enterro apoteótico que recibiu, cuestións que merecen ser recordadas e celebradas». Por outra parte explicou que «Curros foi fundamental na creación da Real Academia Galega e o 90% da documentación está baixo o coidado desta institución, este é outro argumento que xa xustificaría a homenaxe».

Aínda que os detalles non están ultimados, a intención é non «concentrarse só nos actos académicos e facer unha celebración cívica como corresponde co poeta que foi Curros». Neste sentido, engade que a previsión é facer un acto académico no Teatro Rosalía, onde no seu día Curros foi coroado como poeta, e tamén unha actividade en Celanova, onde naceu o escritor. Pero a intención é conseguir unha ampla participación, divulgar a memoria do poeta e realizar actividades que teñan carácter popular. O presidente apunta que é posible a celebración don cortexo cívico na localidade de nacemento de Curros.

Ao tempo, e relacionando esta iniciativa coa proposta para o Panteón de Galegos Ilustres, tamén se sinalou que sería o momento de colocar algún tipo de lembranza de Curros Enríquez nese lugar.

Os símbolos de Galicia

Estas iniciativas foron explicadas na presentación do libro Os símbolos de Galicia case como unha continuación das propostas que o libro ofrece sobre eses elementos representativos da memoria e da identidade do país.

Foi Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, quen introduciu os obxectivos deste libro. Para o historiador a intención é «dar explicación do significado e da historia dos símbolos e facelo con vocación de permanencia». Tal como sinalou Villares «as investigacións continúan e os libros poden pasar, pero este é un libro feito con vocación de perdurar e coa intención de darlle digno soporte á explicación dos símbolos».

O libro recolle traballos sobre o himno galego, o escudo e mais a bandeira de Galicia, signos que teñen a súa orixe, segundo explicou Villares no «rexionalismo do século XIX e que se conforma máis ou menos ao mesmo tempo que se van configurando as identidades nacionais en Europa». Segundo Villares é «moi afortunado que alguén no pasado se ocupase de fixar estes símbolos porque cando chegou o momento de usalos xa estaban asentados e non requiriron dun debate». O libro está editado en conxunto pola Real Academia e polo Consello da Cultura Galega nunha combinación «ideal» para traballar e que podería asumida por outras institucións.