Fomentará o desprazamento dos espectadores das localidades próximas ás vilas nas que represente
14 ago 2007 . Actualizado a las 00:50 h.SANTIAGO | Unha enquisa realizada hai pouco máis de un ano sinalaba que, a pesar de 25 anos de existencia o Centro Dramático Galego, o coñecemento da institución por parte do público é escaso. O centro porá en marcha, a partir de setembro, unha rede baixo o nome de Espazos CDG para ampliar o número de funcións en cada capital galega, incrementar o número de vilas na súa xira e acometer outras accións de difusión da súa presenza.
Segundo a directora do CDG, Cristina Domínguez, o coñecemento dos espectadores non foi a máis co paso dos anos e «decatámonos de que non era coñecido incluso en sectores que están próximos á exhibición».
Domínguez considera que a forma en que se «facían as xiras do centro non axudaban ao seu coñecemento nin a que asumira o labor que como institución ten que desenvolver».
Desde o vindeiro mes de setembro, acompañando á estrea da nova temporada o Centro Dramático presentará unha rede de espazos nos que a unidade de produción teatral do Igaem tentará desenvolver estruturas de residencia.
Nas cidades, o programa de estadía do centro coas súas tres producións da vindeira tempada será de permanecer catro días con, cando menos, dúas funcións para público xeral e outras dúas destinadas ao público dos centros educativos, institutos ou colexios en función do carácter da obra. Eses catro días estarán apoiados por unha estratexia de promoción concreta da que tamén formará parte o elenco artístico de cada produción.
Segundo Xocas López, coordinador este proxecto, explica que en cada praza farase «un número na rúa, en espazos ou centros públicos, para animar á xente a ir ás funcións». Aumentar os días de presenza permitirá, segundo López, «desenvolver máis actividades de difusión á compañía e aos espectadores ter máis posibilidades de acudir ao teatro».
Para Cristina Domínguez, o centro «ten que ter un papel primordial na perspectiva que os espectadores teñan sobre o teatro galego». A directora do CDG considera que «a compañía pública de Galicia non pode estar un só día nunha cidade e que pase desapercibida».
Trala vindeira estrea do centro, en setembro, xa están previstos os días que a compañía institucional estará no Teatro Caixanova, en Vigo, e no Rosalía de Castro, na Coruña. Están case pechadas as datas para as outras cidades, Ferrol ou Pontevedra, ata completar a totalidade das cidades galegas.
En canto ás vilas, como o caso do Barco, o CDG pretende escoller ás principais da xeografía galega de xeito estratéxico e fomentar logo os desprazamentos desde as localidades máis próximas.