Oliver Laxe: «As boas películas vense co tempo»

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

A CORUÑA

Óliver Laxe volveu a Marrocos, aos espazos de «Todos vós sodes capitáns».
Óliver Laxe volveu a Marrocos, aos espazos de «Todos vós sodes capitáns». paco rodríguez< / span>

O director galego volveu Marrocos para «desaparecer» unha temporada polos espazos que protagonizaban a súa primeira película, «Todos vós sodes capitán

13 jul 2011 . Actualizado a las 15:09 h.

O contaquilómetros de Óliver Laxe padece estrés. O director galego non se cansa de viaxar por Europa e, despois de visitar Italia para preparar o guión da súa próxima película, volveu a Marrocos para «desaparecer» unha temporada polos espazos que protagonizaban a súa primeira película, Todos vós sodes capitán. A cinta aínda está en carteleira nos cines galegos.

-¿Do percorrido realizado ata agora por «Todos vós...», que conclusións saca?

-Que é unha película moi xenerosa co espectador, pese a que se acostuma dicir que este é un cinema críptico e feito polo autor para o propio autor. Gustou en sitios tan dispares coma Corea, Siberia ou Ecuador e a diferentes tipos de espectadores; porén tivemos premios de críticos, xurados xoves, asociacións católicas... todos, públicos moi diferentes. É unha película con moitas capas de lectura, esta chea de preguntas sobre o que é a creación e o cinema, feitas con moito humor e frescura, de maneira viva e desenfadada, palpitante.

-¿Hai algo na película que descubrira despois dos festivais, presentacións, das interpretacións dos espectadores?

-Alivioume moito constatar que non estamos tan mal como ás veces cremos. A xente ten sede e hai un desexo de emanciparse de certas maneiras de «usar» o cinema que ten a industria, ou de «abusar» del, mellor dito.

-¿Por que é tan difícil chegar ao circuíto comercial?

-Non hai interese por estas películas porque a xente non sabe que existen. Esta foi unha estrea modesta, con tres copias para toda España, con malos horarios e a espada de Damocles sobre a continuidade da película con cada pase. Pero unha estrea necesaria, miren a carteleira do final do periódico, xa fala por si soa, non hai variedade. Unha película como Piratas del Caribe debeu ter na Coruña unhas dez copias. Que o cidadán saque as súas conclusións, ¿por que unha película recoñecida como Os Capitáns ten a distribución que ten? Unha película que tivo ademais a repercusión mediática que tivo, fácil de vender... En calquera caso, como sempre digo, as películas, se as facemos ben, veranse co tempo, non hai que preocuparse.

-¿Como valora a reacción do espectador á película?

-Nun primeiro momento, ten que estrearse coa película, non está acostumado a que lle deixen tanto espazo. Esta máis acostumado a que o ceben, a que o anulen. E iso é o que quere provocar nel esta película, que reflexione sobre o seu rol como espectador. Nun momento dela preguntamos aos rapaces protagonistas aos que lles din clases de cinema qué pensan da propia película. É cando xorde neles esa mirada de espectador cultivado na pirotecnia vacua do cinema de entretemento. Eles din: «Isto que estás a facer non é unha película, unha película é unha historia con personaxes». Pero sen embargo cando lles preguntamos que é o que queren filmar, eles falan de árbores, rostros, ruínas, animais, montañas... Aluden a un cinema máis libre, a unha mirada de neno, esa que mira as cousas como a primeira vez.

-Aos espectadores non afeitos que aínda non foron ver a película, ¿que lles di?

Que vaia vela sen prexuízos, que saiba que confío moito nel. Que acepte que o cinema son imaxes, e que o poder das imaxes é algo moi complexo, profundo e secreto. Algo misterioso, cunha enerxía da que non nos damos sempre de conta no momento de ver as películas. Algo parecido a cando estamos diante dunha paisaxe, non é ata volver a casa ou pasados uns meses que esa paisaxe reverbera en nós. Que non se obrigue a intentar comprender todo, que se solte.