Dona Diáspora estivo aplaudindo con forza e moi emocionada na presentación en Bos Aires do libro Yo, emigrante. O Instituto Arxentino de Cultura Galega organizou un evento que marcará o novo rumbo na loita identitaria galega despois duns anos de escasa actividade. Alí ten dous bos amigos, Carlos e Elena, que empurran con ánimo para que o histórico Centro Galego volva estar onde lle corresponde por tradición e responsabilidade coa herdanza emigrante.
O acto do pasado 11 de marzo xa forma parte da historia da emigración, porque é pouco habitual que dúas entidades unan esforzos para unha edición conxunta. Neste caso foron os de Santa Comba e os de Zas os que puxeron todos os pesos arxentinos necesarios para unha publicación na que se recollen anacos de vidas emigrantes na capital arxentina. As facianas das netas e dos netos amosaban un fondo orgullo ao escoitar as historias de crecemento persoal daqueles avós e avoas que viñeran de Varilongo (Xallas) e de Artón (Terra de Soneira). Hai actos que son pioneiros e que por iso marcan un camiño. Neste caso concreto estase a dicir que o futuro é a unidade arredor do manancial común chamado Galicia.
Tampouco puido dona Diáspora achegarse ata Montevideo para sentir «las lonjas del tamboril» e rir co bo humor crítico das murgas. Menos mal que se consola coas fotos e textos de Antón R. Castiñeira, que estivo de vacacións pola Banda Oriental. Antón é un recoñecido xornalista nacido en Suíza e residente en París que amosa orgulloso que as súas raíces maternas están en Laxe. Leva anos exercendo a súa profesión en diferentes países polo que as súas apreciacións positivas sobre a actualidade uruguaia non están afectadas por ningún sentimento. Di que é un país que está no camiño da recuperación, cunhas altas taxas de emprego, xa que a construción está medrando a bo ritmo.
Dona Diáspora foi polo monte Gaiás para ver se atopa algún oco para que o Espazo Emigrante sexa unha realidade en calquera currunchiño da Cidade da Cultura. Cando ía cruzando a gran praza para admirar as cubertas, quedou paralizada. O vento trouxo moi clariñas as voces de La Reina de La Teja cantando: «Araca la murga compañera de un pueblo que construye su senda verdadera». Foi un lóstrego de emoción que a levou a facer esforzos para oír a gaita de Lourdes Rey Fau arroupando ás voces de Contrafarsa, en 1990. A chuvia non o fixo posible.
Os que saben de emigración din que nunca soara unha gaita galega nunha actuación dunha murga en ningún lugar do mundo. Os aplausos do público foron efusivos e os comentarios posteriores na prensa moi eloxiosos para coa innovación introducida pola moza gaiteira. A noite da primeira actuación, ninguén reparou nas bágoas de alegría que escorregaron pola cara do pai bergantiñán.
Estamos vendo a Lourdes pola avenida 8 de Outubro camiño do Parque Rodó. Vai collida da man de seu pai escoitando atentamente unha serie de relatos sobre o gran Ramón Collazo. O famoso Loro era tamén, o mesmiño que ela, fillo dun pai emigrante. Daquela aínda non sabía case nada de Carballo. O certo é que non viaxara, pero coñecía ben a xeografía bergantiñá, xa que tocando a gaita os seus ollos rebordaban cunha chea de fermosas paisaxes que descoñecía. Un instrumento máxico transmisor efectivo de sentimento e música celestial cando os que os sopraban eran Pichel ou Pino. Coido que o Espazo Emigrante poderá contar coa emotiva páxina emigrante de Lourdes para homenaxear aos xenerosos músicos da emigración que deixaron a súa pegada de identidade polos fogares galegos da República Oriental do Uruguai.