A Deputación estará presente no Foro Gastronómico que se celebrará en Xirona.
17 feb 2011 . Actualizado a las 10:44 h.O sabor da gastronomía da Costa da Morte chegará nas vindeiras datas ata Cataluña. En concreto, ata o Foro Gastronómico que se celebrará en Xirona entre o vindeiro domingo, día 20, e o mércores 23. A Deputación estará presente para dar a coñecer a oferta turística gastronómica de tres grandes comarcas da provincia: a Costa da Morte, Ferrol-Eume e Ortegal, e as Terras de Ulla-Tambre. A actividade foi presentada polo presidente da Deputación en Fitur o pasado mes de xaneiro.
O turno da Costa da Morte chegará o luns 21, cando se degustará a maridaxe de produtos a cargo de María Josefa Insua e Francisco Insua, do restaurante O Fragón de Fisterra. Serán os cociñeiros dunha demostración na que prepararán percebes, longueirón e paté de longueirón ou embutidos artesáns. Nesta actividade colabora e entidade APTCM.
Esta asociación, que preside Manuel Pan, tamén está hoxe representada, por medio de dúas técnicas, na feira Navatur de Navarra, que empezará mañá e rematará o día 20. A continuación, seguirán cara Xirona e, máis adiante, acudirán a Alacante, onde se celebra o Backstage do Camiño o primeiro de marzo, e Murcia, cunha actividade similar dúas xornadas máis tarde. As representantes de APTCM aproveitan para visitar máis de 40 axencias de turismo.
Por outra banda, o Bono Iacobus de Fisterra-Muxía presenta a súa páxina web propia. A iniciativa combina o Camiño e máis o turismo rural, e nela participan os establecementos Casa de Trillo, Cabañas de Lires, hotel rústico Insula Finisterrae, Casa de Santa Uxía e Casa Perfeuto María. O proxecto tamén se deu a coñece en Fitur e agora farase mañá no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.
Ademais, Neria segue coa promoción das Xornadas Gastronómicas, para xuño.