Oriundo dunha aldea de Cerceda que xa non existe, foi mestre e poeta e reside en Almería dende fai 41 anos
23 mar 2010 . Actualizado a las 11:07 h.Nunca é tarde para aprender cousas novas, pero semella que adentrarse en Internet a partir de certas idades non está ao alcance de todos. No entanto, neste mundo tan cambiante os medos á tecnoloxía van caendo día tras día.
É obvio que María Amelia, a famosa blogueira de Muxía, abriulle as portas a moitos. Se ben é certo que sen a axuda do seu neto non sería posible alcanzar a fama mundial que tivo, os pensamentos que plasmaba no seu blog, que xa leva 1.947.000 visitas, eran íntegramente dela.
O mesmo ocorre con Antonio Rey Buño, aínda que, de momento, máis modestamente. Antonio naceu en 1925 (cumprirá 85 anos en maio) na aldea de Burís, pertencente á parroquia de As Encrobas, un lugar de sete casas que hoxe na non existe. Foi uno dos que se destruíron para construír a mina de lignito, e hoxe medra no seu sitio un fermoso lago, coa mina xa apagada para sempre. Dende alí salir para percorer España, primeiro como mestre en escolas libres, e despois xa como funcionario do Estado, diplomado en maxisterio, con praza en Almería, cidade á que chegou fai 41 anos.
Ás citas importantes chegou xa maior: as oposicións aprobounas con 44 anos; casou aos 45 e agora entra en Internet aos 84. Claro que, se a María Amelia lle axudaba o neto, a el axúdalle a súa filla. De momento, ten poucas cousas colgadas http://elblogdeantoniorey.blogspot.com/), entre outros motivos porque empezou a semana pasada. Poucas fotos, un texto explicativo, unha teima vital («la morriña por mi tierra crece con los años a una velocidad exponencial») e poesías que recupera doutras épocas, que está empezando a colgar. Por exemplo, a dedicada a Almería: « Bendita Almería/ de rostro lunar,/ montes sin vida,/ de crestas peladas,/ de sol que calienta,/ de sol que achicharra;/ de ríos sedientos/ de ríos sin agua [...]. Outras son para a súa muller, que xa morreu.
Antonio está «moi sorprendido» co seu blog e cos seus efectos, porque xa lle están chegando comentarios «de Galicia, de Bilbao, de Arxentina...». Fala en galego en canto a conversa avanza cos minutos. «É que agora cústame máis falar, dende os 15 anos case que non o practico, sempre o fago en castelán», explica. Quere ir colgando na súa páxina outros traballos que ten escritos, poemas pendentes como A foliada galega , reflexións sobre diversos temas...
Bota de menos a súa terra, xa o di cando se describe. Ás veces fala coa familia que lle queda por aquí, como unha sobriña do Bidual. A última vez que volveu ao lugar no que naceu foi fai «uns vinte anos ou por aí, a mina aínda estaba traballando». Lembra os anos da nenez, «con modos de vida ancestrais, as feiras de Cerceda e de mesón do Bento. A da Silva xa non, que nos quedaba moi lonxe». Os carros de vacas, as corredoiras, a vida de aldea.
Hoxe todo iso está debaixo dun lago que medra á velocidade de Internet.