A convulsión demográfica e social ocorrida en España ata 1711, fai dous séculos, non foi allea á Costa da Morte
02 oct 2009 . Actualizado a las 11:30 h.Ao longo da historia téñense dado circunstancias que fixeron que determinados acontecementos se repetisen cada certo tempo, especialmente en séculos pasados. Este carácter cíclico dalgúns aspectos da historia dos nosos antepasados ten un dos seus maiores expoñentes nas crises de subsistencia, que con maior ou menor intensidade afectaron á poboación ata ben entrado o século XIX. Por suposto, tamén na Costa da Morte.
Outro bo exemplo deste carácter cíclico sería o das diferentes epidemias que tamén se encargarían de elevar a mortalidade en diferentes momentos, acadando nalgúns casos carácter universal, como no caso da peste negra de mediados do século XIV, da gripe europea de 1708-1709, da gripe española de 1918 ou da actual gripe N1H1, declarada xa como pandemia polas autoridades sanitarias, aínda que se espera que as súas consecuencias sobre a mortalidade sexan mínimas.
A crise de 1709-1711 foi extensiva non só a España, senón á case totalidade dos países europeos. Así, atopámola citada en traballos de demografía belgas, alemáns, italianos e incluso se fai referencia a ela como crise de gran virulencia en estudos sobre a poboación francesa.
As primeiras novas son de finais de 1708 e chegan de Italia facendo mención a unha epidemia de gripe que vai ter como características principais a rapidez en canto á súa propagación, a súa aparición simultánea en varios países europeos e os seus efectos, intensos, pero de curta duración.
O coñecido como «duro inverno europeo» de 1709, caracterizado pola chuvia e sobre todo por un intensísimo frío, tivo gravísimas repercusións na produción agraria e na gandería co seu correspondente reflexo no elevado número de defuntos rexistrados nos arquivos das distintas parroquias europeas.
Esta gripe europea non se prolongaría moito no tempo, pero a volta á normalidade si que tardaría moito máis debido a varios factores. O rigoroso inverno e as consecuentes malas colleitas, a emigración de campesiños aos núcleos urbanos buscando unha mellor asistencia médica e, fundamentalmente, a guerra, traerían como protagonistas dúas novas pragas: a propagación do tifos exantemático e a peste. España terá que facer fronte a esta situación con numerosos problemas pola falta de grans derivada das malas colleitas de 1705-1706 e 1708 e polos episodios bélicos da guerra de Sucesión.
Estragos
O médico asturiano Gaspar Casal fai referencia a esta crise nestes termos: «Y vi que la generalísima epidemia que, casi en todo el Reyno de España, hizo notable estrago desde el año de 1709 hasta el de 1711 [...]». Para a historiografía actual, esta crise pode ser considerada como unha das grandes crises agrarias que tería como consecuencias máis inmediatas a miseria das clases campesiñas e unha gran mortaldade na meirande parte do territorio peninsular.
Do que non hai dúbida é de que a crise que padece España a partir de 1709 provocou unha importante convulsión demográfica e social, totalmente equiparable á do resto de países europeos. Unha parte importante da mesma vén derivada do tifos exantemático, compañeiro inseparable da guerra (lembramos de novo a Guerra de Sucesión Española) e da fame.
De todos os xeitos, non hai que descartar que algún dos focos epidémicos foran causados polo virus gripal, sobre todo tendo en conta as especiais condicións climáticas deste período. Galicia, non se libraría da virulencia desta crise e das súas consecuencias, máis lesivas posiblemente debido ás características do seu solo e ó seu illamento xeográfico. Así pois, a súa situación agravábase en anos de crises agrarias, tendo que comprar cereal en momentos nos que a súa carestía tiña propiciado a subida de prezos. A isto hai que engadirlle as dificultades viarias para o transporte, polo que a poboación sufría dobremente o encarecemento dos produtos básicos.
No mercado dos cereais, fundamentalmente do trigo, participaban numerosos axentes, tanto polo lado da oferta como polo da demanda. A estrutura deste comercio rexistraba agudos cambios estacionais e interanuais. Os pequenos produtores agrarios, arrendatarios na súa maior parte, adoitaban comercializar boa parte ou a totalidade dos seus excedentes antes de realizar a sementeira do outono. Os labradores acomodados, os grandes propietarios rentistas, as institucións eclesiásticas e as oligarquías locais procuraban concentrar as súas ventas no primeiro semestre do ano, sobre todo no cuadrimestre anterior á recollida do gran, é dicir, nos chamados meses maiores, especialmente no mes de maio.
Por outro lado, o número de oferentes e de demandantes rexistraba intensas oscilacións interanuais. En anos de colleita escasa, moitos pequenos produtores convertíanse en demandantes netos de cereais panificables e, polo tanto, o número de vendedores reducíase e o grao de concentración da oferta aumentaba sensiblemente. Estudios feitos en diferentes zonas de Castela conclúen que en anos de crise, despois do mes de outubro, os poderosos e revendedores acaparaban o 90% das ventas de gran.