Esta tarde, ás nove e media, Varela presentará a súa obra no pavillón polideportivo de Baio
31 jul 2009 . Actualizado a las 20:28 h.Resulta difícil seguirlle o ritmo a este apaixoado da música. Perfecto Varela naceu o 23 de marzo de 1947 «ás 10.00 da mañá» na parroquia de San Estevo de Anos, en Cabana de Bergantiños. Cunha formación musical moi ampla, ten varias pezas de seu e pasou, por exemplo, polo Real Conservatorio de Música de Madrid. Foi tamén suboficial músico do Colexio Duque de Ahumada da Guardia Civil e mesmo director de conxunto coral en Seseña (Toledo). Segue vivindo nesta cidade, aínda que estes días está en Borneiro. Hoxe pola tarde, ás 21.30 horas, presentará no pavillón polideportivo de Baio, a súa obra Las cruces del emigrante, historias de un bergantiñán, un acto organizado pola AMC Pepe Valiña-Coral Xan Mella de Baio. -¿Cando comezou o seu gusto pola música? -Sempre fun moi dado á diversión intelectual. Na escolas, polas tardes, facíamos lecturas e con algunhas delas foi cando converxeu en min todo iso. Non obstante, xa dende que vía chegar aos músicos cos seus instrumentos polos camiños de Anos comecei a sentir unha sensación tremenda. Logo, tiven a sorte de tropezar con profesores moi bos, como o daquela director da orquestra Radio de A Coruña, quen me ensinou a solfear pola técnica intervalica e a quen lle gardo un cariño tremendo, ao igual que a moitos outros. -Hoxe presenta a súa obra «Las cruces del emigrante». ¿Que intenta aportar con ela? -Pois é como unha homenaxe aos emigrantes, gracias aos cales os seus descendentes, por exemplo, poden gozar hoxe de certas comodidades. A figura do emigrante ten feito moito por Galicia, para min incluso máis que os propios gobernantes. Con estas miñas historias, trato fundamentalmente de recopilar esa parte da sociedade do século XX. É un libro educativo, mesmo para os xoves a partir de de 12 anos, cun léxico fluído e frases fiadas que relatan cousas moi importantes que nos tocou vivir e que forman parte da nosa identidade. Aínda así, non son escritor nin literato, gústame a filosofía, a gramática e penso que, canto máis nos preocupemos por saber, máis libres seremos. -A iniciativa parte de veciños seus de Baio. ¿Como acolleu a idea ?
-Estou moi contento. Para min son como da familia e Baio non só me parece a porta grande da Costa da Morte senón a porta da cultura. Considero que a subsistencia do ánimo depende moito do recordo da miña terra. Gozo moito con esta marabilla de frondosidades.