Trinidade do galego

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

30 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Estamos en Semana Santa. Para moitos, un tempo de lecer e, para cada vez menos xente, un tempo de afianzamento da fe que avanza en procesión cara a Cidade Eterna, a Xerusalén celestial. Son días de Pascua, da Pesach xudea, pero, baseadamente, é unha semana laica, un alto no camiño do traballo para descansar, sete días nos que a industria do turismo ábrese, con toda lexitimidade, para ofrecer o mellor de cada lugar e gañar unhas perriñas.

En Galicia non temos tradición de procesións de Semana Santa espectaculares que, por si mesmas, teñan un atractivo específico ou especial, exceptuando o caso da do Nazareno, polo que malpocadamente podemos competir con Zamora, Sevilla ou a Semana Santa de Cartagena, declarada de interese turístico internacional, polo que, dende a perspectiva dos crentes, só son procesións para autoconsumo.

Galicia, turisticamente falando, ten un potencial moi limitado nalgunhas cousas e moi atraínte noutras. No verán podemos ofrecer e garantir unha climatoloxía benigna, arredada dos tórridos calores e unha gastronomía de luxo, incluso de deseño para unha clientela reducida, aínda que a meirande parte dos nosos visitantes son xente de polbo á feira, mexillóns ao vapor e caldeiradas, e todo o que se afaste diso é minoritario, pero tampouco desdeñable, sendo, neste eido, moi loable e atinada a labor que está levando adiante a Mancomunidade de Arousa Norte.

Pero, ademais dos veráns, precisamos que o sector teña certa sostibilidade o resto do ano. Nas zonas costeiras os deportes náuticos son unha baza interesante, pero non deberiamos desbotar a potencialidade do turismo rural coordinando as ofertas dos nosos produtos máis xenuínos. Poño un exemplo. É moi coñecida a feira do cocido de Lalín, pero todos sabemos que grelos hai en calquera das nosas aldeas. ¿Por que, entón, non promover este prato, en todas as súas variantes, a nivel galego?.

Como dicían os vellos. «Do nabo sae a nabiza; da nabiza sae o grelo. Nabo, nabiza e máis grelo; trinidade do galego. Son tres persoas distintas; e un só deus verdadeiro».