Os festexos máis singulares de Barbanza arrancarán o 18 co percorrido do facho, o maratasón e o guateque
01 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Xa empezou a conta atrás para o arranque dunha nova edición das festas da Dorna, e van nada menos que sesenta. Os representantes das peñas celebraron o pasado fin de semana unha reunión na que xa se distribuíu a data e a hora na que se celebrará cada unha das numerosas actividades que integran o programa dos singulares festexos.
Aínda que a Cofradía da Dorna tiña solicitada unha das salas do conservatorio municipal con 17 días de antelación, dado que ninguén abriu as portas do edificio, os peñeiros víronse obrigados a celebrar a asemblea en plena rúa. O presidente da entidade, Francisco Martínez, comentou que outro dos contratempos cos que se atoparon foi unha escasa afluencia de participantes: «Non houbo tanta resposta como esperabamos tendo en conta a importancia da reunión, polo que a organización das actividades recaeu nas peñas de sempre e en catro novas que tamén se implicaron bastante».
A pesares destes pequenos obstáculos, o que está claro é que a Dorna arrancará o vindeiro día 18 con tres citas importantes: o percorrido do facho polas rúas da cidades, o maratasón e o guateque de Coroso.
Recuperando tradicións
Para a seguinte xornada están programados os xogos de terra e a canción de tasca. A fase final desta actividade celebrarase, como se viña facendo de forma tradicional ata hai uns cinco anos, no adro da igrexa de Santa Uxía.
Outra das novas que figura no pograma deste ano é o xogo que terá lugar o día 20, denominado camicace dorneiro. A actividade consistirá en percorrer unha tirolina que colgará dende o peirao ata A Insua e en dar no centro da diana que estará instalada a medio camiño. Tamén nesta xornada terá lugar a baixada de carrilanas e o concurso de hip hop .
Os xogos de mar, o exame de patróns, o concerto da banda Desalojo e a queimada dorneira integrarán a oferta de actividades do 23; mentres que para o día grande das celebracións, o 24, están programadas a regata de embarcacións tradicionais e a romaría dorneira. Xa pola noite, o desfile do top secret e as actuacións de Ultracan e de Jabon Blue servirán para quentar o ambiente dunha noite de festa que nunca remata antes do amencer.
E despois de tanta tempestade, a calma chegará o día 26 coa celebración do baile de gala no Mercantil.