A afección pola arqueoloxía levou a Manuel Miranda a crear reproducións de pezas castrexas e romanas que hoxe se exhiben e comercializan en distintos museos
05 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Unha visita a calquera dos museos de arqueoloxía de Galicia invítanos a viaxar virtualmente séculos atrás para intuír cómo sería a vida dos nosos antergos. Do obradoiro de Manuel Miranda, ceramista lucense afincado desde hai uns quince anos en Cervo, saen moitas das reproducións de cerámica castrexa, romana e ata de pezas do fenómeno campaniforme que se exhiben e venden nestes centros públicos, como é o caso do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga (Castro de Rei), no de Vilalba ou no Museo Arqueológico Nacional, de Madrid. Desde máis recentemente, tamén no Centro de Interpretación da Muralla, na capital luguesa; por encargo fixo reproducións para o Museo do Pobo Galego.
Manuel é ceramista por afección, unha vocación que cultiva desde hai dúas décadas: «Empecei en Santiago por afección ao mundo castrexo e á arqueoloxía». Vivir do arte tórnase complicado e máis en tempos de crise, nos que ese divismo que planea sobre os artistas se esvaece para deixar ver o mundo real, o do euro: «Estamos notando moito a crise e desde hai uns anos as vendas baixaron moito. Este ano concretamente está sendo complicado». Recoñece que os meses do verán ou a Semana Santa eran as datas nas que mellor se comercializaban as pezas nos museos, coincidindo coa chegada de visitantes doutros puntos da Península e do estranxeiro. «En España non existe a cultura que hai noutros países, onde nos museos ou nas salas de exposicións instalan puntos de venda de reproducións que se exhiben no interior, é unha forma de promocionar a cultura», explica o artista, ao tempo que amosa pezas identificadas coa marca Artesanía de Galicia.
Liberdade
Goza da liberdade do creador para deseñar e moldear pezas de cerámica e tamén de bronce. Con respecto ás primeiras, o ceramista indica que moitas delas son reproducións doutras pezas que foron achadas en escavacións arqueolóxicas realizadas en distintos puntos da xeografía galega.
As reproducións de pezas castrexas son escuras, case negras, unha cor que consegue con barro vermello cocido e privado de osíxeno, e despois afumado. A dureza dunha ágata permítelle pulilas; e para trazar os debuxos usa unhas marcas de madeira. «Os círculos e as eses son típicos na cerámica castrexa».
Quizáis a súa vocación pola arqueoloxía e o vivir nas proximidades do que antigamente foi un punto comercial de relevancia (San Cibrao) lle facilitan ao ceramista a elección do seu lugar preferido no municipio de Cervo. «A Atalaia é o meu recuncho preferido, é un símbolo de San Cibrao, un lugar que se asenta sobre un dos castros máis importantes. Gustaríame que non se construíra máis e que se escavara a zona; creo que o achádego sería un potencial económico importante e que faría de San Cibrao un lugar de referencia castrexa», indica.