Vilagarcía celebrará o 13 de febreiro o «Sábado inglés» cunha viaxe a Londres como premio ao mellor disfraz
22 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A idea desenvolveuse o ano pasado por primeira vez, e avanza xa cara a súa segunda edición. A retranca e a peculiar tradición british de Vilagarcía volverán aliarse o 13 de febreiro que vén na celebración do Sábado inglés . Desta volta, cun premio máis que interesante para os mellores disfraces: unha fin de semana en Londres, que paga a pena, para dúas persoas.
A organización deste Entroido de aroma británico parte da concellería de Turismo en colaboración cos hostaleiros e comerciantes da capital arousá. O departamento que dirixe a nacionalista Rosa Abuín explica que se trata de artellar «una divertida festa de disfraces coa que celebrar o Entroido collendo como escusa os lazos históricos entre Vilagarcía e a Gran Bretaña». O Sábado inglés , engade a área municipal, terá lugar o 13 de febreiro e, ademais da viaxe á capital británica, haberá un segundo galardón consistente en 700 euros en vales de compra na cidade.
A iniciativa, promovida por Turismo de par da Asociación de Hostaleiros e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía (Ahituvi) e Zona ABerta, procura crear ambiente de diversión na cidade durante a celebración do Entroido, dinamizando a actividade dos establecementos comerciais e hostaleiros.
Como xa acontecera o ano pasado, para participar no Sábado inglés só será preciso ir disfrazado con calquera motivo vencellado á cultura ou tradicións británicas. Tamén é posible concursar baixo calquera outro aspecto relacionado con Inglaterra. En canto ás modalidades, a participación pode acadar forma individual, desenvolverse por parellas ou facelo por grupos.
O gañador nas categorías individual ou de parella recibirá como distinción a viaxe dunha fin de semana a Londres para dúas persoas. Pola súa banda, o grupo vencedor na súa modalidade terá dereito a vales de compra nos comercios asociados a Zona Aberta por un importe total de 700 euros.
As persoas que desexen intervir e concursar en tan peculiar Entroido teñen que se inscribir previamente nas dependencias da concellería de Turismo, ubicadas na Casa Consistorial de Ravella, en horario de nove da mañá a dúas da tarde. Poden anotarse tamén nas oficinas de turismo do Centro de Interpretación da Ría de Arousa, na praia de A Compostela, ou da praza da Peixería, ata as sete da tarde. O último día para sumarse será o venres, 12 de febreiro.
Os galardóns entregaranse en base ao fallo dun xurado composto por unha representación da concellería, de Ahituvi e de Zona Aberta, que valorará tanto o disfraz en si mesmo como a animación e interpretación do mesmo durante a noite festiva. A concelleira, Rosa Abuín, quixo animar onte aos vilagarciáns a tomar parte no Sábado inglés co obxectivo de consolidalo como festa característica de Vilagarcía.