A actividade musical enmárcase dentro das actividades da USC para conmemorar o ano Darwin.
27 may 2009 . Actualizado a las 22:42 h.«Darwin e a evolución» é o lema do ciclo de actividades co que a USC se suma en 2009 á conmemoración do Ano Darwin, incluíndo múltiples conferencias, mesas redondas, ciclos de cine e música.
Dentro desta programación conmemorativa, o mércores 27 de maio no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, preséntase o programa de concerto «Escoitas arredor de Darwin e á música nos tempos de Darwin», da man do Grupo Instrumental Siglo XX e do seu director Florian Vlashi.
O programa de concerto explora as relacións da figura de Darwin coa música e estrutúrase en tres partes, respectivamente adicadas á música nos tempos de Darwin, os seus gustos musicais e a «Teoría da Evolución» como pretexto para a estrea mundial dunha obra da compositora Helena Palma.
A primeira parte esta adicada a Joseph Haydn , autor que falecía o mesmo ano do nacemento de Darwin, hai 200 anos. A segunda parte está adicada a Beethoven a través dunha composición do galego Juan Durán, «Metamorfose sobre un tema de Beethoven», que da conta do gusto de Darwin pola obra deste músico.
O concerto remata coa estrea mundial dunha obra de Helena Palma «A orixe do home - Homenaxe a Charles Dawin; Unha simulación sónica da evolución do home», composta para violín e banda magnética. Trátase dun poema sónico que está inspirado no libro de Charles Darwin The Descent of Man (1871) e nas súas ideas sobre a orixe e a evolución das especies descendentes do xénero homo. A obra está construída como unha simulación dos sons que, conxetura a autora, poderían constituír a pre-linguaxe usada polos seres dalgunhas das especies do xénero homo que precederon evolutivamente ao Homo sapiens moderno.