01 jun 2002
«A lactancia é fundamental»
Isaura González, matrona Isaura González naceu en Dumbría, en terras da Costa da Morte, pero vive en Neda dende hai anos. Cambiou o vento bravo do mar pola brisa que aloumiña as árbores e as ribeiras dos ríos, e agora é amiga de andar pola fraga do Belelle. Por ese tesouro escondido onde, no crecente da lúa, aínda deben de sentirse os berros dos moi cabalgadores fidalgos de Escandoi, que chaman polos seus mouchos para ir cazar. Ela de lúas entende bastante. E de nacementos, máis. É matrona, un dos mellores oficios que existen: ensínalles a nacer aos nenos que veñen de camiño. A Galicia do futuro, a que herdará o que non destrocemos, xa coñece a súa voz. E as súas mans.