«Prefiro saír para charlar que beber por beber»

Camilo Franco

SOCIEDAD

21 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Tamar Novas sae en Santiago ou en Madrid e asegura que todo o mundo precisa dese método de socialización.

-¿Hai diferenza entre saír de copas en Santiago e Madrid?

-Hai moita diferenza. A min gústame ir a bares que teñan certa personalidade. O problema de Madrid é que están uns moi lonxe dos outros e sempre fun amigo de facer ruta. Por iso prefiro Santiago. Todos están cerca, hai variedade, e están ben. Incluso podes charlar.

-¿Nunca foi de botellón?

-Non fun moito porque canso rápido de estar de pé e de beber por beber. Fun ás veces pola zona da Alameda e o botellón é unha alternativa barata ás copas. Pero unha das premisas é que hai que aguantar e hai días que vai frío. Como o que me gusta é a cervexa non é tanto problema de cartos así que prefiro ir a locais. Pero en Madrid como está todo moi lonxe o que facemos é quedar na casa dun colega e non movernos.

-¿Saír de copas é un asunto xeracional?

-Non. Creo que todo o mundo precisa esa maneira de relacionarse. O que si pode haber é pautas diferentes porque a maior idade máis tranquila é a forma de saír. Por motivos diversos eu saín con xente maior ca min e estaba cómodo porque se pode charlar e beber non é un obxectivo. Entre a xente da miña idade a idea é resistir ata o final da noite e, se non entras nesa dinámica, entón quedas un pouco fóra e eu prefiro saír para charlar que beber por beber».