Unha recompilación de todo o estudado ata o momento sobre o papel da muller na sociedade entre o século XVI e o XIX. Así define Ofelia Rey, catedrática de Historia Moderna da USC, a súa última publicación, Historia de las mujeres en Galicia. Siglos XVI al XIX, que se basea na tese de Serrana Rial, a coautora do volume. Trátase, en todo caso, de incentivar aos novos investigadores a profundar máis nestes asuntos.
-¿Como cambiou a vida das mulleres ao longo deses 400 anos?
-As mulleres sufriron no seu modo de vida unha modificación fundamental: ao aumentar a emigración masculina foron converténdose nas responsables da economía agraria. Socialmente, a súa posición non varía.
-Á que hai que sumar a economía doméstica.
-A economía doméstica era a menos importante, porque nas casas antigas, se non había mobles de valor, por exemplo, non había moito máis que xestionar. O traballo doméstico era maior canto máis rica era a casa.
-O libro abrangue ata o século XIX. Chegado o ano 1900, ¿a situación da que fala reverteuse?
-A incorporación dos homes ao mundo industrial modificou o espazo das mulleres, que estaban máis relegadas ao doméstico canto maior era a industrialización. Pero non se trata de algo que só acontecese en Galicia, foi unha situación global a partir da Primeira Guerra Mundial que tamén afectou aos galegos, aínda que con retraso.