João Gilberto Noll compara a súa literatura coa creación musical

M. Beceiro

SANTIAGO

O escritor brasileiro protagonista dos Encontros no Paraninfo, quere intercambio entre Galicia e Brasil

29 sep 2009 . Actualizado a las 20:03 h.

O escritor brasileiro João Gilberto Noll, considerado un dos principais expoñentes da literatura brasileira contemporánea, foi onte o protagonista dos Encontros no Paraninfo, organizados pola Vicerreitoría de Cultura da USC e a Fundación Cultural Hispano-Brasileira, coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Antes da celebración da sesión, que tivo lugar no Paraninfo da Universidade, o literato compareceu ante os medios de comunicación acompañado pola vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e a coordinadora da iniciativa, Carmen Villarino, quen presentou ao escritor de Porto Alegre, un autor que ten publicados 13 libros e cuxo romance Harmada figura na lista dos «cen libros esenciais da literatura brasileira».

Villarino resaltou deste novo escritor brasileiro a súa «traxectoria singular» e unha forma narrativa que «o coloca nunha posición central nestes momentos para quen queira coñecer a literatura brasileira». A presentadora referiuse «aos anhelos dos personaxes dos libros de Noll, case sempre os mesmos, que van espertando á busca das utopías do ser humano». O novelista definiuse como un escritor que escribe como se estivera facendo música, unha influencia que lle vén polo feito de que na súa infancia e adolescencia el estudou música para ser cantor lírico, cantando a Ave María de Schubert en bautizos, casamentos e ata en enterros. «Entón -aclarou o escritor- a literatura para min foi un derivativo da música. Eu cando escribo, escribo primeiramente coas mans».

O autor de Harmada confesou que el non é un escritor de «enredos preestablecidos», que ese non é o asunto que lle leve a escribir. João Gilberto cualificouse tamén máis adiante como un escritor que traballa co inconsciente, compulsivamente. «Por iso que cando eu comezo, comezo pola linguaxe e non polo asunto. Non hai nada preestablecido, senón algo que vai a acontecer cunha ficción constante», engadiu o autor. Esa linguaxe, segundo o escritor, vén desa ligazón súa profunda coa música «porque a música non materializa ideas». Iso, matizou Noll, «non quere dicir que eu sexa un escritor formalista que coloque o significante como algo superior ao significado». Él entende que «o que move a literatura é o drama humano» máis el precisa un dese aspecto musical para crear os seus personaxes.

João Gilberto confesou que quedou moi impresionado coa similitude das linguas de Galicia e Brasil, afirmando que debería haber intercambio. «Eu sabía teoricamente da confluencia do portugués e o galego, pero nunca o escoitara realmente, e paréceme impresionante atopar unha formación así que quero incorporar á miña vida», declarou o escritor.