«Kvecht» chega ao Salón Teatro de Compostela
30 abr 2009 . Actualizado a las 20:19 h.Estamos tan pendentes de nós mesmos que hai meses que non nos decatamos. Estamos tan afeitos a mirar para dentro que confundimos o interior decorado coa paisaxe exterior. Esta perspectiva veneciana induce a erros variados. Por exemplo: pensar que os demais son excéntricos cando deberíamos calcular que nós miramos dun xeito excesivamente concéntrico.
Houbo un momento do coñecemento universal no que alguén decidiu cambiar a perspectiva xeocéntrica pola heliocéntrica. En fin, admitir que os planetas xiran arredor do sol como nós xiramos arredor dos cartos. Despois do follón, todo o mundo considerou que aquel fora un gran avance científico sen pararse a pensar que quizais había que darlle outro tirón a esa mesma traxectoria e cambiar esa teoría pola do movemento egocentrista: xiramos arredor de nós mesmos e as interpretacións que facemos xiran arredor de nós mesmos como aquela pedra do muíño que cantaba Xil Ríos. Como moito, aceptaría diversificar esta nova perspectiva do universo por unha na que o centro da actividade fose o diñeiro que para moitas cuestións é unha das cousas que máis se parece ao ego.
Kvetch opera niso pese a aparencia algo folclórica que ten. É o problema de ser unha comedia americana. Porque para a perspectiva europea os Estados Unidos de América son un lugar algo folclórico e aínda máis inxenuo, capaz de comer sete veces por día e non ler ningunha. Capaz de estar atento a cada xesto dos veciños e buscar neles aprobación ou reprobación segundo o caso. Son capaces desa certa esquizofrenia de presumir de fortaleza e sentirse febles. Son capaces do dobre discurso. Canto máis escribo máis sinxelo é percibir que o retrato distorsionado dos USA é un retrato que tamén valería para esta Europa capitaneada por quen tantos agradecementos lle dedica a Carla Bruni.
Nós pensamos que non é así. Pero é porque seguimos aplicando o criterio egocéntrico da perspectiva. Pensamos que comemos mellor, lemos mellor e facemos mellor cine.
Seguimos na lectura concéntrica da realidade e está feo asistir así a esta obra ou a calquera manifestación cultural americana algo pasada polo ferro do esperpento.
Que se rimos como espectadores será bo que entendamos que non hai tanta distancia entre un lugar e outro. E non só porque agora os voos sexan máis baratos.