Retirarse a tempo é unha virtude

La Voz

SANTIAGO

10 abr 2008 . Actualizado a las 11:28 h.

Mal que ben todo o mundo quere parecerse en algo os Beatles. Nos dereitos de autor, claro. Pero case ningún grupo quere imitar aos que foron catro chavalotes de Liverpool nun asunto fundamental: retirarse a tempo. Os que len a Churchill nas longas noites de inverno saben que unha retirada a tempo é unha vitoria e o resto, máis que silencio, é derrota.

Hombres G é un deses grupos nos que se nota a falta dunha retirada a tempo. Non tanto porque o seu campionato de estribillos ocorrentes se esgotara hai tempo, se non porque era unha fórmula que estaba ben para uns chavales que querían seguir conservando a inocencia de non mancharse. Pero o tempo pasa, as circunstancias cambian, daquelas parvadas dos oitenta non queda case nada e dicir que un grupo como Hombres G madurou sería como intentar explicar que dios é ateo. Xa sabemos que non é así. Que están aquí para poder seguir cantando que a sua moza marchou cun neno pijo. Pero entón é nostalxia e caixa rexistradora. Un retrouso inocente non lle fai mal a ninguén pero ¿para que explicarnos o da madurez?

Postos a ir, con menos humor do que utilizan nas rodas de prensa poderiamos tirar de Ruxe-Ruxe, que xa teñen repertorio amplo para un concerto sen concesións aos oitenta e para tocar a gaita coas guitarras eléctricas, a ver se aprenden os da Real Banda da Deputación de Ourense.

Nun combate de guitarras entre Ruxe-Ruxe e Hombres G habían gañar os primeiros. Pero este grupo con veciñanza en Aríns ten a vantaxe de que ningún manager apoteósico ou algún periodista entregado foi capaz de comparalos cos Beatles. A Hombres G si. Alguén dixo que ver ao grupo que fai cancións de Summers por Iberoamérica era como ver os Beatles nos Estados Unidos. As hipérboles teñen tendencia ao descontrol. A diferenza, amais do talento e outras cousas sen importancia, é que os de Liverpool decidiron largarse e os Hombres G están aquí para explicarnos que son adultos, circunstancia que na música non se nota, pero nas fotos si. Están aquí para explicar que o grupo non envelleceu e teñen tanta razón que haberá que matizar. Facían cancións para despreocuparse e tal e tal. Unha das grandes verdades da mítica do rock cúmprense de maneira despiadada con estes catro músicos con respaldo de entidade financeira. Os grupos de calquera música non envellecen, pero os seus integrantes si. Por iso hai que retirarse a tempo para gañar.

Multiusos do Sar (Santiago)

Sábado 12

22.00 horas

Precio: Entre 17 y 22 euros