Roquiño do Monte

Manuel Robles González

AGOLADA

26 ago 2008 . Actualizado a las 09:23 h.

Ocorrera na comarca do Deza un suceso que tiña atemorizada a poboación de Agolada. Un pequeno simio, sendo a súa presenza errante e fuxidía polas veigas buscando algo para levar a boca, xa que estaba fraco e esmirrado. Asustaba á xente alporizándose, mostrando os dentes e berrando.

Non todo ía ser tranquilo na aldea, xa que o suceso imprevisto percorrería a bisbarra alertando da presenza dunha «temida fera» que atacara a unha muller anciá mordéndoa. A cosa complicouse ao acudir a vella ao médico, que tivo que dar parte no xulgado.

Ao correrse entre os veciños tan grave asunto, obrigounos a recollerse nas súas casas, xa que o macaco podería aparecer deambulando polos tellados e currais. O xuíz deu orde de busca e captura para ser oído conforme ao dereito que tiñan ditos animais a ser tratados como semihumanos e xulgarlle. Para poder figurar no sumario tiñan que darlle un nome, acordando pórlle Roquiño do Monte.

Comparecida a mordida, soa e sen testemuñas, iniciouse a vista:

-Dígame, señora, ¿que ocorreu?

-Que un mono mordeume unha perna.

-¿E como sabe que era un mono? ¿Non sería un can?

-Coñecín ben que era un mono por velos na televisión.

-E dígame, ¿como foi a cousa? ¿Meteuse vostede con el?

-Non señor, estaba dentro da casa, collín un pau para espantalo e botouse a min.

-Señora, ten vostede dereito a esixir danos e prexuízos conforme a lei.

-¿A quen vou reclamar? ¡Nin sequera quixo virme un avogado!

-Trátase dun caso de xustiza gratuíta; síntoo señora, díxolle o xuíz.

Organizáronse batidas co alcalde á fronte, quen quería coller viva a besta para expola dentro dunha gaiola no medio da praza. O mono debeu cheirar que lle buscaban e non se deixaba ver. Sóubose que un veciño matárao, denunciándoo outro veciño que lle quería mal.

Xa ante o xuíz desculpouse:

-Señora, non tiven máis remedio que tirar de escopeta e pegarlle un tiro en defensa propia porque se botara a min.

Comentouse que o mono trouxérao un home que andara embarcado, e que estaba moi calado por se lle responsabilizaban da mordedura.