¡Viva Vilabranca!

Manuel Pérez García

SANTIAGO CIUDAD

36 anos. Enfermeiro. Silleda. Na actualidade traballa no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

03 ago 2008 . Actualizado a las 12:15 h.

Así é, que podo afirmar, que todas as acusacións que se me imputan son rotundamente falsas, e son feitas con ánimo de aldraxar a miña persoa e vilipendiar a miña dilatada e prestixiosa traxectoria política.

Con esta pantomima, estes suxeitos só pretenden unha campaña de desacreditación contra este voso alcalde, e desa maneira sacar tallada política e acadar nos xulgados o que non conseguiron nas urnas.

Como ben sabedes, eu sempre estiven ao servizo dos meus veciños; e se algún erro cometín, foi unicamente tratando de defender, en todo momento, os intereses da veciñanza.

Asemade non dubidedes de que, a pesar destas difíciles circunstancias, o equipo de goberno de Vilabranca, co seu alcalde á cabeza, seguirá traballando incansablemente polo ben do noso concello. É por isto polo que solicito a vosa confianza e o voso apoio nestes momentos.

Sen máis que engadir, recibide un cordial saúdo. ¡Viva Vilabranca!

O voso alcalde.

-¿Que? ¿Que vos parece o comunicado?- interrogou o alcalde.

-¡Home!... ¿É necesario o de «¡Viva Vilabranca!»?

-¡Pois claro! A xente debe de ver que todo isto, máis que un ataque contra a alcaldía, é unha agresión contra todo o pobo de Vilabranca. Ou que vexan, polo menos, que detrás desa denuncia están os merdentos da oposición, que o queren é sacar proveito e chupar do bote.

E hai que recordarlles tamén que, grazas a esas obras, hoxe en día somos unha vila próspera e moderna e non unha aldea atrasada. Obras- continuou o primeiro edil- que por outra banda déronlles de comer a moitos veciños.

-Claro que a nós, e sobre todo a ti, déronnos para comer mellor.

-¡Eh!- interrompeu o alcalde- Non hai tempo para bromas. Teño que dicirvos que falei co partido e xa me dixeron que, en canto se faga público todo, vannos suspender de militancia e desentenderse, pero xa nos mandan de camiño dous avogados do mellor bufete da cidade. Tamén o noso home no xulgado segue a nosa disposición e á prensa hai que tocala.

-Logo, ¿que outras medidas hai que tomar?

-A primeira, un whisky dese gran reserva de quince anos.