A aventura de Carlos Núñez cara á recuperación da historia da súa familia e do seu bisavó José María Núñez, do que non se tiñan novas dende que emigrara ao Brasil, quedou refrexada non só na Alborada do Brasil senón tamén na relación con músicos brasileiros e nos proxectos a desenvolver no futuro.
-Cando fala de «Alborada do Brasil» sempre se refire á pegada galega ¿que significou o proxecto para vostede?
-A valorización dunha realidade que non apreciamos na súa extensión. Sempre se fala do Brasil da tradición africana e do sol e praia. O sol e praia é un tópico turístico, igual que o dos touros e o flamenco, e a parte galega está presente en todo. Brasil, como nación, é galeda dende o momento mesmo da súa fundación. En 1500 xa hai referencias dos galegos e a gaita foi un dos símbolos do Brasil, un instrumento desaparecido, como o meu bisavó, que é preciso reivindicar porque sigue habendo gaiteiros. Alborada, esa palabra galega tan fermosa, é como se chama a zona onde está ubicada a residencia da presidenta do Brasil. Palabra tan galega como o lusco e fusco ou o arco da vella que podes escoitar decote aos brasileiros.
-¿Permitiralle a súa axenda de actuacións estar o día 4 de setembro en Celanova para recoller o premio?
-O primeiro que fixen ao recibir a noticia foi consultar os compromisos. Houbo que arranxar cousas pero ese día estarei en Celanova. É de xustiza.