A musa do campo da festa

Uxía Senlle

CULTURA

A raíña da canción galega foise para cantar a un torreiro celeste e branco acompañada dun coro enxebre e emocionado de emigrantes. Sempre presumiu de galeguidade, das súas orixes, desta terra meiga que a tivo nos altares.

Foi símbolo dunha época e dunha maneira de facer música, sempre coherente coas súas arelas e en permanente comunicación co seu público. Ela converteuse por dereito propio na gran referencia da música popular galega, da festa e da verbena. En galego, en tempos duros, cando non estaba ben visto, cando facelo e vender máis de cen mil copias fóra de Galicia era unha heroicidade. Non só a Andrés do Barro corresponde esa honra.

Compartamos ou non a súa estética musical, Ana tiña estilo propio e unha manchea de imitadoras que seguiron a súa senda. Soubo manter unha alegría e vivacidade contaxiantes que retransmitían sen parar os radiocasetes dos coches dos anos setenta. Cando se vive na emigración e nas situacións máis duras, estas cualidades convértense en cruciais para soportar a saudade e a morriña. Pasou do biberón ao micro e abofé que nun escenario estaba como na casa. Eu vina nunha festa cantando as cancións máis populares do seu repertorio e interpretando a compositores como Manuel Muñiz ou Blanco Campaña e desprendía un raro magnetismo.

O Alecrín, o seu famoso dueto con Gayoso, alcanzou cotas de popularidade inauditas e na súa parodia de Pimpinela con Toñito de Poi podíanse intuír as súas dotes de actriz. Atreveuse con letras como Pídechas o corpo e tamén fixo adaptacións ao galego de grandes cancións da música universal.

Sempre soubo ter palabras de alento e cariño para as súas colegas de profesión e, no meu caso, conmoveume na última conversa que tivemos, expresando a súa emoción cando escoitou Unha noite na eira do trigo. Gañouse o noso respecto e admiración como muller loitadora, que non desmaiou na enfermidade, unha roca firme e poderosa, que conseguiu situar a nosa lingua nas listas de éxitos do momento. A auténtica musa dos campos da festa que atopaba a satisfacción cantando no medio dunha carballeira e que foi referente para moitas galegas e galegos da diáspora.