Gayoso sinalou a importancia que ten para unha comunidade ter unha televisión propia, con lingua propia e con contidos particulares, teleseries de ficción baseadas na actualidade ou na historia do país. Tamén lembrou Gayoso o importante que foi que «John Wayne falase galego aínda que ao principio algunha xente escoitase estrañada o idioma dos seus personaxes». Neste sentido tamén explicou o presentador da TVG que agora se daba o efecto contrario a aquela situación dos inicios: «Hai xente que se estraña moito cando determinados debuxos animados non están en galego».
Foi Pepe Coira o encargado de facer o discurso institucional que todos os anos dirixe o presidente da Academia Galega do Audiovisual. Xosé Manuel Olveira, Pico, non puido facelo como tal posto que está rodando nestes días. Coira, actual vicepresidente da AGA, expresou algúns dos problemas que vive o sector por mor da actual crise económica xusto no «momento no que se está producindo un recoñecemento do sector a nivel nacional e internacional». Coira sinalou dúas circunstancias a ter en conta cando se fala do audiovisual. A primeira delas é que pese «ás controversias o audiovisual é un un sector ao servizo da sociedade». Engadiu como segunda circunstancia que «hai que ter en conta a necesidade de contar cunha voz propia no sector audiovisual como agora ten Galicia».