A traxectoria literaria de Delibes vén de pecharse cun senlleiro carimbo de coherencia e integridade, malia pertencer a unha xeración, a de 1936, esgazada entre o exilio e a madureza anticipada pola paz do cemiterio, con nomes como Herrera Petere, Serrano Plaja, Barea, Laforet, e os galegos Torrente Ballester, Cela, Carlos Martínez-Barbeito, Marcial Suárez ou Cunqueiro.
Cicelado o seu rico idioma na práctica da concisión xornalística no seu Valladolid natal, Delibes consagrouse a unha literatura de cerna humanística, a prol do compromiso ético e social, desde una actitude tranquila, froito do seu conservacionismo non reaccionario, que resultou un certeiro ataque á pequena burguesía española do franquismo e a última hora o converteu en adaíl da defensa do ecosistema.
O Premio Nadal de 1947 para La sombra del ciprés es alargada iniciou unha carreira sen altibaixos -poucos autores da súa xeración gozan dese privilexio-, que se viu coroada en 1998 con El hereje . Foi ousado na experimentación ( Parábola del náufrago , 1969) e soubo renovarse consonte os avances da novela facendo, cando o necesitou, biografismo e confesión amorosa a través do xénero. Son, as súas, novelas de personaxes, dos cales terman a lingua e a técnica: Daniel el Mochuelo de El camino (1950), a provinciana atoada na estupidez para comprender o marido de Cinco horas con Mario (1966), o Quico de El príncipe destronado (1973), Azarías e o señorito ruín de Los santos inocentes (1981), ou Salcedo, a vítima da intolerancia da súa derradeira gran creación, El hereje .