Xosé Manuel Acuña destacou, durante a presentación do Dicionario do surrealismo e surrealistas , o feito significativo de que «desde Galicia, e en galego, se poida facer un dicionario para cubrir un aspecto tan importante e tan decisivo dos movementos intelectuais, culturais e políticos do século XX». O dicionario, explicou o autor, Xesús González, engloba a aqueles que «entenderon o surrealismo, non como unha técnica creativa, senón como unha cosmovisión do mundo». Por iso, na obra, alén dunha entrada sobre o surrealismo en Galicia, só aparece Eugenio Granell, ao entender que «nin Maruja Mallo, nin Urbano Lugrís foron realmente surrealistas». Con este libro, o autor, «aparte de dar a coñecer o surrealismo galego», quere aclarar que «o surrealismo non morreu, aínda existe, porque o surrealismo é un movemento utópico». O acto contou coa presenza de Natalia Fernández Segarra, directora da Fundación Eugenio Granell, e Isaac Díaz Pardo, patrono da Fundación. A publicación porase á venda o próximo xoves, e terá un custo de 28 euros.