Os magos son eses artistas que poden converter os billetes de cinco euros en billetes de cincuenta. Polo menos ata agora. A crise, segundo o Mago Antón, tamén afecta a este colectivo de maneira que agora «en lugar de converter billetes de cinco en cincuenta, só os convertemos en billetes de dez».
Pregunta. Magos, ilusionistas: ¿cal é a palabra que mellor describe o voso traballo?
Mago Antón. Se temos en conta o que facemos, a mellor palabra sería ilusionistas porque traballamos coas ilusións. É a que máis se aproxima. Pero a palabra magos está tan plenamente instalada para os espectadores e para nós que magos e maxia están ben. Hai que pensar que hai moitos ilusionistas, coma min por exemplo, que levan a palabra mago formando parte do seu nome artístico. Eu creo que se fixeramos unha enquisa, unha grande maioría diría que somos magos.
Martín Camiña. Eu diría que case se empregan como sinónimos. A palabra mago está moi asentada e quizais noutro tempo tivo connotacións algo negativas por aquelas cousas da maxia negra. Pero agora esas cousas xa non inflúen, así que a palabra mago ten unha aceptación plena e non lle molesta a ninguén, desde logo non aos que traballamos nela. Aínda que ilusionista cadre mellor co que facemos.
P. Unha pregunta que vos faría meu pai: ¿exactamente a que se dedica un mago?
M.?A. Exactamente dedicámonos a traballar e vivir da maxia. Obviamente para poder vivir da maxia hai que desenvolver unha serie de labores previos porque, como digo moitas veces, somos creadores de ilusións pero non vivimos delas. Vivir da maxia é un obxectivo que nos prantexamos hai algúns anos e creo que o estamos facendo. Queremos, os magos, seguir evolucionando e facer cousas tan incribles como chegar a fin de mes. Tamén queremos seguir transformando billetes, pero non podemos facelo se non os temos.
M.?C. Coa terminoloxía actual, coa que emprega a Agadic, somos unha industria cultural. Traballa moita xente arredor de nós. Somos unha industria e vendemos un produto que pode ser considerado como calquera outro agora que estamos nun tempo tan comercial, por máis que a palabra non me guste moito.
M.?A. É certo que o termo industria está xa aceptado para as artes escénicas. Pero non queremos dar pasos só a curto prazo. Os magos tamén queremos dar pasos a medio e longo prazo. Debemos ter as ideas claras e creo que dende hai uns anos para acó avanzouse moito. Outra cousa é que a linguaxe que utilizamos se entenda por parte da Administración e por parte do público. Pero todo o mundo pode entender que somos un colectivo que defende os seus intereses.
P. ¿Sentídesvos ben integrados no sector das artes escénicas?
M.?A. Non é tanto se nos sentimos integrados, porque de feito xa estamos integrados nas artes escénicas. Dende hai catro anos. Os magos profesionais galegos, arredor de 25, decidimos no seu día dar pasos que non se deran antes en ningún outro lugar. Podemos dicir que somos pioneiros. Decidimos que a maxia fose tratada como unha arte escénica e foi aceptada.
P. Dicíao porque quizais hai quen pense que teatro e danza son cousa seria e a maxia é o que anima as festas das empresas.
M.?A. Hai anos a maxia considerábase só para nenos e agora tamén pode ser para nenos. Cambiou moito o matiz. Eu creo que agora estamos en igualdade de condicións co teatro, coa danza, coa música. Temos que facer propostas e temos que conseguir públicos. Pensa que non hai ningún lugar do mundo no que a maxia teña axudas á produción. No caso dos compañeiros das outras artes escénicas creo que se preguntan cal é a nosa maxia para que as cousas nos funcionen como colectivo. Creo que a Asociación de Magos Profesionais de Galicia ten moito que ver.
M.?C. Hai que puntualizar que, para os outros compañeiros da maxia de outros lugares, os galegos somos un referente. Porque, por exemplo, non existe en ningún outro lugar de España unha rede de maxia. Nalgunhas redes hai magos, pero non existe unha rede específica. Creo que estamos medrando moito, pero tamén podemos dicir que estamos facendo agora o que fixo o teatro hai 25 anos. Creo que a equiparación artística xa está e a social ou profesional tamén, porque o público é moi receptivo.
P. ¿Como se fai para ter público?
M.?C. É unha pregunta que nos fan moito os compañeiros das artes escénicas. Na rede de maxia, por exemplo, estamos a facer un traballo de lanzamento e antes de cada actuación nunha localidade imos e facemos promoción en colexios ou en centros sociais. É un traballo que dá mellores resultados que anunciarse nos medios porque para a maxia funciona moi ben o ir de boca en boca. É un esforzo, pero axuda moito.
M.?A. Unha das vantaxes que temos os magos e o xénero da maxia é que podemos facer un espectáculo en calquera lugar e con calquera condición. Se nos poñemos nun corredor podemos facer maxia. A maxia interesa por igual a cativos e a grandes, é moi polivalente. Tamén pasa que todos queremos seguir sendo nenos e que nos sorprendan as cousas, e a maxia permite iso. Devolve á xente a cando eran cativos porque para disfrutar dos nosos espectáculos hai que crer e a xente quere crer.