A doada integración e asimilación fixo que os galegos non desenvolvesen un importante papel cultural en Brasil
CULTURA
Álvaro de las Casas, Xosé Velo e Casais Santaló son excepcións, aínda que de costas á súa colectividade
26 oct 2009 . Actualizado a las 14:29 h.Ao contrario do que aconteceu en Arxentina, Cuba, Uruguai ou México, a emigración galega en Brasil non desenvolveu un importante labor cultural, en parte pola súa fácil integración e asimilación na sociedade brasileira, onde os galegos non se sentían estranxeiros, eran ben aceptados e tiñan prosperidade económica. Esa é unha das principais conclusións ás que chega unha investigación, defendida como tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela por Antón Corbacho Quintela, un vigués que exerce de docente na Universidade Federal de Goiás hai doce anos, e que investigou nos estados de Río de Xaneiro, São Paulo, Minas Gerais e Baia. O seu traballo foi orientado desde Compostela polo profesor Elías Torres.
Corbacho verificou como algúns exiliados galegos, en especial Álvaro de las Casas, Xosé Velo e José Casais Santaló, ao se estableceren no Brasil, como perdedores da guerra de España de 1936, si realizaron un labor intelectual de certo relevo, aínda que o fixeron de costas á colectividade galega.
O caso máis coñecido é o de Xosé Velo, pola súa participación no secuestro do buque Santa María, e que tentou triunfar pola súa actividade intelectual en São Paulo durante o tempo que estivo nesa cidade.
Álvaro de las Casas publicou catro libros: o estudo Espanha, gênese de uma revolução , que parece ter sido escrito en español e traducido para o portugués; o ensaio Angústia das nossas horas , sobre a circunstancia das relacións internacionais na década de 1930; o libro de viaxes Na labareda dos trópicos , en que son destacados destinos turísticos alternativos no Brasil para os visitantes estranxeiros; e a narrativa Os dois , elaborada directamente en portugués e que, segundo Corbacho, «é unha historia de amor entre fidalgos nun pazo galego». Son, en todo o caso, volumes insuficientemente coñecidos, mesmo entre especialistas galegos que se teñen ocupado deste produtor.
José Casais foi docente de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e fixo en Madrid a carreira diplomática, que desempeñou en Arxentina e en Chile. En xullo de 1936, ao coñecer a situación da guerra de España, ficou no Brasil, onde foi amigo de Antenor Nascentes, unha das maiores figuras da Filoloxía e a Lexicografía de Brasil, e de moitas outras figuras intelectuais dese país.
Casais tivo a encomenda de elaborar un traballo sobre turismo, que fixo «como se fose o primeiro estranxeiro que ollaba o Brasil con esa perspectiva», indica Antón Corbacho, quen verificou varias fases da presenza galega no Brasil: antes de 1930, por causa da guerra de 1936, e unha nos anos 50, con persoas que non tiveron lazos de relacionamento cos anteriores.