O xurado salientou a «calidade da escritura así como a habelencia para expandir as fronteiras do xénero»
21 jul 2009 . Actualizado a las 02:07 h.Con intriga e sen detectives. Así é a novela que onte resultou gañadora do Premio de Novela por Entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia e que verá a luz nestas páxinas a partir do primeiro día de agosto e ao longo de todo o mes. Alberto Ramos é o autor deste texto que, a dicir do xurado, sáese da marxes das lecturas de verán e leva incorporada a súa dose de drama.
Presentada baixo o título «Con acuse de recibo, o texto que se poderá ler cada día de agosto en La Voz comeza cun suicidio e cun paquetiño de cartas que deixa o suicida. É un seu irmán quen toma a decisión de reconstruír a circunstancia que provocou o suicidio e esa investigación vai levando a novela capítulo a capítulo.
O xurado, composto por Luís Ventoso como presidente, Luís Pousa, Xosé Carlos Caneiro, Emilio Alonso como gañador da edición anterior e Ramón Loureiro como secretario salientou na acta a «calidade da escritura, a habelencia do autor para expandir as fronteiras do xénero máis alá do tópico».
Alberto Ramos acaba de rematar os seus estudos de Xornalismo en Compostela, pero aínda así non é debutante nos premios literarios. Foi o segundo gañador do premio que convoca Biblos para autores novos a proxectos de novela. Trala redacción definitiva da obra, que contou coa tutela de Darío Xohán Cabana, Dor pantasma foi publicada por Biblos.
Ramos recolleu o premio na cea literaria celebrada nas instalacións de La Voz de Galicia. O novo gañador asegurou que sempre era difícil falar tras gañar un premio e que el non estaba «afeito a gañar moitas cousas na vida». Tras recollelo explicou que, como xornalista, gustaba «de utilizar un periódico para contar historias» sinalando que a novela por entregas era unha fórmula «efectiva para utilizar nunha novela que ten intriga». Cinguirse a un tamaño de texto dado para cada capítulo pareceulle ao escritor e xornalista «un elemento máis a ter en conta á hora de dosificar a intriga», Segundo o xurado a elección definitiva do gañador foi difícil pola «pola elevada calidade media dos textos presentados», pero pesou entre os seus membros a intención do autor de apartarse dos elementos máis tópicos da intriga ou do xénero policial. O xurado do premio de La Voz de Galicia sinalou tamén que quizais o verán poida ser tempo de lecturas lixeiras, pero, no caso da novela de Alberto Ramos que onte gañou, a intriga leva aparelladas máis posibilidades de lectura ademais da diversión.