Sara Pintos, veterinaria: «Se deixamos un can no coche, non é suficiente con baixar a ventá»

CARMEN FERREIRO / S. F.

YES

MARTINA MISER

Chega o verán e queremos gozar do bo tempo cos nosos cans, pero sabemos responder ás súas necesidades? «Nunca hai que refrescalos de golpe», recomenda a experta

24 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sara exerce na Clínica Veterinaria Os Duráns en Vilagarcía de Arousa e todos os veráns ve como algunhas das condutas dos donos, sobre todo de cans, normalmente froito da inconsciencia ou da desinformación, son repetidas causando danos nas mascotas

 —Que razas de cans sofren máis a calor?

— Os braquicéfalos: carlinos, bulldogs, e bulldog francés, que pola súa conformación anatómica téñeno máis complicado. Os canciños teñen a peculiaridade de que non súan como as persoas e súa forma de intercambiar a calor e de baixar a súa temperatura corporal é mediante os arquexos.

—Que temperatura pode comezar a ser perigosa para eles?

—A temperatura normal dun canciño é de 38,5 graos, e ás veces cando están nerviosos poden chegar a cerca de 39. Nos golpes de calor a temperatura pode ascender a 42-43 graos, incluso máis.

—Como podemos saber se lle está dando un golpe de calor ao noso can?

— O principal síntoma é o arquexo excesivo ocasionado despois de estar nun coche a altas temperaturas ou de dar un paseo pola praia un día de moita calor. O segundo indicativo é a salivación espesa e enxivas vermellas pola vasodilatación. A lingua para fóra está en posición lateral e en ocasións tamén hai vómitos, incluso se pode chegar a convulsión, desorientación, e á perdida de conciencia.

—E se queremos identificar unha deshidratación?

—Debemos mirar as mucosas e o tempo de recheo capilar; apertando unha mucosa enriba do dente, se o tempo de recheo capilar é maior de dous segundos, está deshidratado. Se retorcemos un pouquiño o pregue do pelexo do pescozo e tarda máis de dous segundos en volver á súa posición normal, tamén é sinal de deshidratación.

—Recomendas facer un cambio na alimentación nesta época do ano?

—Non é estritamente necesario, pero se non bebe moito recomendo comidas húmidas, no caso do penso engadir un pouco de auga, se non lle resulta molesto. É importante cambiarlle seguido a auga para que sexa máis atractiva e que beba. Outra opción é conxelar snacks ou xoguetes para que estean frescos e así tamén están entretidos con auga fresca.

—Pode pasar algo se os deixamos tan só cinco minutos no coche?

—Hai que ter en conta que é un habitáculo cerrado, aínda que o deixemos á sombra, atrae moita calor. Deixar a ventá do coche un pouco baixada non é suficiente.

—Cales pensas que son os errores máis comúns no verán por parte dos donos?

—Unha cousa moi típica é que imos de paseo e queremos levar o can sempre, ás veces esixímoslle máis do que el nos pode dar. Temos que ter en conta que, se de súpeto un día lles quitamos a súa rutina de sofá, paseo, parque e lles metemos unha camiñada de catro quilómetros, é imprudente porque non están acostumados. Outro erro moi común é que no verán, como anoitece máis tarde, aproveitamos para cear antes e despois quitámolos a pasear ou xogamos con eles. Debemos ter moito coidado con iso, sobre todo cos cans grandes co estómago profundo, como o san bernardo ou o gran danés porque neses tipos de raza están moi predispostos a sufrir torsións de estómago.

—Podo refrescar a miña mascota varias veces ao día?

—Non hai problema, o importante é terlle a súa auguiña fresca e cambiarlla varias veces ao día, que estean nun lugar ventilado e refrescarlles as patiñas e barriga. As almofadas quéimanse son unha parte moi delicada, o ideal é coidalas con algún bálsamo ou pomadas. Nunca refrescalos de golpe para evitar un shock térmico e usar unhas toalliñas frescas, pero non de golpe, se non podemos empeorar a situación.

—Que pasa co salitre do mar, precisan algún coidado adicional?

—Eu sempre recomendo aclarar con auga doce para que non lles quede salitre na pel e que non teñan ningún brote de comechón ocasionado polo salitre do mar, ben sexa ao chegar á casa ou nalgunha fonte.

FOTO: MARTINA MISER