Rosa, 27 anos como taxista en Vilardevós: «É raro que deixe a un cliente meu só no hospital e vaia tomar un café»
YES
«Hai veces que o tanque de gasolina para 800 quilómetros non me chega para todo o día», asegura esta pioneira ao volante
12 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O próximo 1 de setembro Rosa fará 27 anos como taxista en Vilardevós (Ourense). Aos seus 53 anos é a máis veterana das dúas profesionais que se dedican a este servizo público neste municipio de pouco máis de 1.500 habitantes. «Cheguei como todo nesta vida, sen pensar, para arranxar un problema. O taxista era o meu irmán, pero el tivo que deixalo porque tiña nenos pequenos e complicóuselle. Empecei coa idea de que ía ser un temporada curta», asegura esta muller á que sempre lle gustou conducir. De feito, con 18 anos xa sacou o carné de coche e mesmo o de camión para axudar cos negocios familiares. A Rosa encántalle viaxar, ir a sitios distintos e o trato coa xente, todos os ingredientes que ten a súa rutina diaria.
Atender entre dúas persoas nada máis un núcleo de poboación pode parecer complexo, en cambio, Rosa e a súa compañeira amáñanse á perfección para que todos os seus veciños dispoñan dun servizo case permanente, aínda que ás veces as xornadas se fagan un pouco longas. «Se unha marcha, a outra queda. Normalmente, a outra compañeira non quere facer noites nin fins de semana, pero se eu me vou fóra, queda sen ningún problema. Sempre estamos unha das dúas, sobre todo para que a xente maior estea ben atendida», comenta.
O curso de cada día parte dunha incógnita e predicir a xornada é case imposible. Hai ocasións en que o teléfono non para de soar e outras tarda horas. Non é a primeira vez que chama á casa para dicir que a esperen para comer e ten que volver chamar aos cinco minutos para que se adianten sen ela. Se está libre, Rosa sempre está disposta a facer todos os servizos, sabe que deixar clientes polo camiño e que outro taxi faga o seu traballo pode supoñer que a seguinte vez non a escollan a ela.
A experiencia é un grao, e despois de tantos anos ao volante, Rosa xa intúe cando pode ter unha boa xornada por diante: «Cando vou a primeira hora da mañá ao aeroporto, ás 10 da mañá estou de volta e aínda podo traballar aquí. Eses días son bos, porque che saen redondos». Igual que cando soben as temperaturas, que o traballo se intensifica. «O mes de agosto aquí podo estar case sempre subida ao taxi. Eu, que non adoito facer as noites, en verán si que traballo porque temos que darlle un servizo á xente», di Rosa, que confesa que hai veces que o tanque con capacidade para 800 quilómetros non lle dá para todo o día.
En inverno a rutina é un pouco diferente. Os seus principais clientes son veciños, a maioría xente maior, cos que ten unha implicación que vai moito máis alá que o simple transporte. «O feito de coñecernos fai que non esteamos traballando con clientes, senón con veciños, que moitas veces acaban sendo amigos, sobre todo, cando tocan temporadas malas, de enfermidades, nas que hai que ir aos hospitais case seguido», explica. Os centros médicos de referencia —Ourense, Santiago e Vigo— están máis lonxe e iso implica que pase moito tempo con eles: «O meu traballo vai más alá do taxi, fago acompañamentos porque hai moita xente que está soa, enferma... É raro que deixe a un cliente meu só no hospital e vaia tomar un café». E aínda que non a chamen todos os días para unha viaxe, ela sempre está pendente da súa clientela máis vulnerable e asegura que aos seus clientes que están enfermos tenos «moi catalogados».
Todo o compromiso de Rosa cos seus veciños é recompensado. Ela sente que se valora todo o que fai. «Pola miña forma de ser, se podo sumarlle algo á xente, fágoo. Poderíame pasar a min noutro momento. Ao longo da miña vida —revela— lévome atopado con moita xente que suma moitísimo, máis do que estaría estipulado. Se todos fixésemos así, as cousas funcionarían un pouco mellor».
«CHEGAN OS NETOS»
Os clientes son case familia, pero esa confianza tamén pode supoñer un cambio de plans repentino: «Ás veces chaman para modificar a hora a que queren viaxar e non sempre podemos estar a disposición». Esa relación que vai construíndo ao longo de todo o ano esténdese a cando no verán chegan netos, fillos, bisnetos, e é Rosa quen se encarga de ir recollelos as estacións de trens ou aeroportos. Vacacións, vodas, citas médicas... esta taxista está en todo: «Moitas veces durmía de boa gana, pero hai que aproveitalo!»
A maioría das súas viaxes son rutas cara a Ourense, Verín ou os aeroportos de referencia, pero non é a primeira vez que ten que levar ou traer clientes de sitios como o País Vasco ou Madrid. Iso si, as rutas internacionais prefire deixalas para outros.
Ela está convencida de que vivir en Vilardevós é o mellor e non o cambiaría por ningunha cidade, nin sequera porque os profesionais do seu sector poden ter a vantaxe de organizar a súa xornada por quendas. «Por unha gran cidade? Nin tola!», subliña Rosa. Posiblemente, noutro momento da súa vida, cando tiña que coidar das súas fillas, teríalle sido máis fácil residir nun lugar máis grande, como Verín, polo tema das actividades das nenas, pero, aínda así, ela sempre tivo moi claro que non quería renunciar a vivir en Vilardevós «por nada do mundo». Antes disfrutaba de ir a Vigo a pasear ou de compras, pero agora recoñece que coa a fin de semana xa lle chega.
Cando ela empezou no mundo do taxi, recorda que as mulleres no sector se contaban cos dedos dunha man, polo que dalgún xeito Rosa foi unha pioneira. «Eu nunca tiven ningún problema polo feito de ser muller. Traballar nunha zona rural implica coñecer a maior parte da xente e iso é un punto a favor. Nunca tiven maiores inconvenientes dos que pode ter outro compañeiro», di Rosa, que non só se implica coa xente maior, senón que non dubida en aplicarlle «un pouco de psicoloxía» a aqueles momentos nos que os máis adolescentes «vén o fin do mundo». «Lembro unha vez, nun Entroido, que atopei unha nena nun mar de bágoas porque perdera un móbil, outra vez outra perdera un moedeiro. E só con dicirlle: ‘Non pasa nada, filliña’, xa as tranquilizas. A min encántame levalos, non me gusta dicir que son uns maleducados. A xente adoita responder tamén como ti o fagas, e a min gústame traballar con xente nova» confesa Rosa, que, aínda que acumula milleiros de anécdotas, pode presumir de non ter nin unha soa queixa nestes case trinta anos de profesión.
A mochila de recordos vaise facendo cada vez máis grande, pero de novo, os maiores volven á súa cabeza. «Recordo levarlles ao hospital unhas zapatillas de casa ou axudalos a algo tan simple como acender a televisión. Porque ao mellor están seis ou sete días ingresados e non vai ninguén por alí. Iso é moi especial, por suposto». Por iso está convencida de que achegar esa humanidade marca a diferenza na súa profesión. Rosa sabe de sobra que non é «unha taxista normal».