«Sorprendeunos que a Xunta pechase a simultaneidade de ADE e Informática»

Reigosa concreta que a posibilidade de retomala máis adiante é factible, e valora a ampliación do campus local


OURENSE / LA VOZ

Ás portas de comezar un novo curso académico, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, valora o futuro inmediato do campus de Ourense, os seus problemas actuais e os novos horizontes de expansión.

-En xullo afirmou que o próximo mapa educativo contempla traer novas titulacións a Ourense. Máis aló de Relacións Internacionais, que ideas barallan?

-O de Relacións Internacionais foi unha negociación complexa e representa unha aposta polo campus. Agora estamos nun período de reflexión, así que non desexamos mostrar as nosas cartas.

-No caso de Relacións Internacionais, a aprobación da súa implantación en 2021 realizouse case por sorpresa, e de forma conxunta con Ferrol.

-É un acordo a maiores e que vai aparte do novo mapa de titulacións. Para nós, trátase dun grao novo e para Ferrol ven a substituír unha titulación de antes.

-Que opinión lle merece, a nivel persoal, a proposta de másteres interuniversitarios que defende a Xunta? Non son moitos vaivéns para profesorado e alumnos?

-Depende de como se interprete. Nós cremos que están a funcionar moi ben e con docencia especializada. E tamén se optimizan os recursos humanos.

-Agora tamén hai competencia para os estudos de Turismo na UDC e USC.

-A titulación de Turismo na Coruña estaba nun centro adscrito. E a UDC reclamouno porque ten dereito a elo e é a Consellería a que ditamina. Creo que será máis competitiva porque é pública. No caso de Ourense, non teño dúbida de que seguirá atraendo alumnado de aquí e de fóra.

-Hai plataformas que nos últimos meses consideraron que a Universidade de Vigo non pelexou para defender as titulacións exclusivas no campus.

-Non hai deixadez. No caso do máster de Aeronáutica, tanto a nivel privado como público, defendemos a proposta que sae da Escola. E temos garantías de que sexa cal sexa a decisión da Xunta, a titulación vaise impartir no campus aínda que fose interuniversitario. Polo momento, a Xunta está pedindo informes externos.

-Ó campus parece custarlle atraer alumnos a carreiras como Enxeñería Agraria. Que se pode facer para darlle un xiro?

-Eu penso que o grao ten futuro en Galicia se facemos un uso máis técnico del. Tamén é certo que coa baixada demográfica hai menos estudantes e algunhas carreiras ás que lle costa encher as prazas poden levar a engano porque depende, en parte, do número que se oferte.

-Onde estivo o erro coa simultaneidade de ADE e Informática se a Xunta entende que nun futuro pode volver a retomarse?

-Esta simultaneidade sempre é atractiva, se os estudantes teñen interese. Sorprendeunos que a Xunta o pechase sen previo aviso. Os datos que eles manexan fan pensar que hai alumnos que a usan como ponte para irse logo a outras titulacións nas que non conseguen praza inicialmente. Pero a Consellería está aberta a retomar o tema se antes se reflexiona sobre esa proposta do doble grao.

-Jácome falou da necesidade de implicar ó campus na idea do Centro de Intelixencia Artificial. Falaron ó respecto?

-Hai persoal da Universidade que está traballando a nivel técnico para ver como se podería artellar. Sería bo para o campus e, en particular, para Informática, porque o talento chama ó talento. E para a cidade tamén sería bo se sae adiante.

-En que momento se atopan as conversacións co Concello sobre os novos edificios para o campus?

-Os servizos técnicos están avaliando as posibilidades de construción no recinto do campus. E pedimos ó alcalde un estudo para saber se podería ampliarse a instalación, porque o ideal sería telo alí. Ó Concello tamén hai que agradecerlle a súa preocupación para sacar adiante a licencia do edificio do Campus da Auga.

«Enxeñería Informática e Aeroespacial son os dous atractivos do campus agora»

A finais do pasado mes de xuño, o consello de goberno da Universidade de Vigo aprobou por asentimento denunciar o convenio entre a propia universidade e Caixanova para a adscripción do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (Ieside), a antiga escola de negocios de Caixanova que leva Abanca. O acordo leva en vigor dez anos, pero a decisión de Abanca de poñer en funcionamento unha universidade privada no contexto xeográfico galego motivou a ruptura coa Universidade de Vigo, que explicou no seu momento que esta decisión derivaba «nunha ruptura do entorno de confianza mutua e intereses comúns que perseguía o acordo firmado no ano 2009». Manuel Reigosa avisou no seu momento de que o grao en Administración e Dirección de Empresas e o máster que forman parte do catálogo da Universidade de Vigo voltarían a «ser implantados dentro do marco da universidade pública», unha decisión que mantén polo de agora. Reigosa explica que, «como fixo a UDC na Coruña collendo Turismo para poñelo na oferta pública, nós recuperaremos as titulacións nos centros adscritos con Abanca».

Reigosa expón que «son optimista co que acontecerá co futuro do campus» e sinala que a Universidade de Vigo, aínda que nalgunhas carreiras evidencia problemas recurrentes cada ano para cubrir a oferta de prazas marcada, «é a segunda de Galicia que máis prazas está cubrindo». O reitor sinala que a Universidade está adaptándose ás necesidades do mercado, e que de aí deriva en gran medida o aumento das ofertadas en, por exemplo, Enxeñería Informática. E precisamente Informática e Aeroespacial son, para Reigosa, «os dous grandes factores de atracción que temos no campus agora mesmo».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«Sorprendeunos que a Xunta pechase a simultaneidade de ADE e Informática»