Chalecos para salvar vidas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

VIGO CIUDAD

23 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Do mesmo xeito que os cintos se seguridade son de uso obrigado en todos os vehículos, os chalecos salvavidas forman parte dos dispositivos obrigatorios para os mariñeiros que se xogan a vida traballando no mar, pero non aínda para os policías, que tamén a xogan defendendo as leis e a sociedade democrática. O asasinato dunha muller policía en Vigo hai unhas semanas descubriunos, aos que non somos entendidos nestas cuestións da seguridade, que os policías que prestan servizo carecen de chalecos antibalas para todos e tiñan que acudir a peito descuberto a operacións policiais cotiás, como o intento de atraco que lle custou a vida no Calvario a Vanessa Lage e malferiu ao seu compañeiro de dotación.

Tan ignorantes estabamos desta precaria dotación de medios que, diante da noticia do resultado do atraco, nun primeiro momento mesmo pensamos nalgún tipo de neglixencia no uso das dotacións regulamentarias. Axiña nos enteramos de que non hai chalecos para todos, que os poucos que hai non lles serven a todos, especialmente non se acomodan ao corpo das mulleres, que mesmo unha parte pode que estean caducados e aínda de que algúns mércanos do seu peto os propios axentes ou recíbeno como interesado agasallo de Nadal ou de aniversario das súas familias. Inconcibible.

Resulta asombroso que estas carencias non foran motivo de soada protesta ou de indagación polos medios, pero sobre todo resulta criminal esta falta de dotacións mínimas a quen mandamos a cumprir os seus servizos a prol da comunidade. Supoño que, en virtude da nova lei mordaza, non se pode acusar aos responsables políticos e ministeriais de neglixencia, pero aínda así penso que paga a pena facelo e chamar a atención sobre a falta de coidado dos mesmos que botan discursos a prol dos corpos e forzas de seguridade do Estado, nesa expresión tan manida como atrapallada. A falla de responsabilidade de que dá conta esta situación resulta asombrosa.

A nova é que a raíz do acontecido en Vigo vanse dotar a todos os policías de todas as comisarías dos necesarios chalecos. E iso significa que, se agora faise de súpeto, haberá que explicar por que non se fixo antes. Dá coraxe pensar que tivo que haber unha morte, e non puido ser a primeira pero si a máis dramática polo xeito, para que aqueles que queremos que nos protexan sexan dotados do material axeitado para facer o seu traballo. Non sei se isto tamén é culpa da crise e dos retallos nas Administracións públicas ou se a dotación de material de protección sempre foi así de precaria. Se é o segundo paréceme incomprensible, se o primeiro, haberá que volver a lembrar que os retallos custan vidas. En todo caso deberíase indagar. Os cidadáns que comprobamos as dotacións cos anovados medios con que traballan os antidisturbios, do casco aos xeonllos, merecémonos saber en que condicións arriscan a vida os policías de proximidade.