Máis dun século de resistencia

Xaime López Arias SARRIA

TUI

BLANCO

Crónica | A praza da Constitución A placa que dá nome a este lugar colocouse en 1888 e ninguén a quitou

29 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Para poñer o primeiro rótulo co nome dunha rúa ou praza de Sarria tiveron que pasar preto de 700 anos, e iso xa sinala o camiño que se andou dende 1822 ata hoxe. Para que a Constitución de 1812 vise dedicada unha praza na vila de Sarria tivo que mediar unha orde do xefe político da nacente provincia constitucional de Lugo. Inaugurouse así un xeito de actuación preguiceiro, renuente e de pasividade, que daría lugar a que ata a década de 1880 non se colocasen rótulos nas rúas, e por riba tivo que pagalos don Matías López, diante do pouco entusiasmo policial polo labor. A actual praza da Constitución era coñecida ata o século XIX como praza Principal, e nela estaba a casa do cárcere que os Condes de Lemos, como señores territoriais da vila, mantiñan en condicións máis ben precarias e de pouca seguridade. Oficio Foi o 15 de xuño de 1822 cando o terceiro concello constitucional de Sarria á vista dun oficio de 11 de xuño dirixido polo xefe político, acordaron colocar lápida a xeito. O oficio dicía: «Tendo sabido que nesta vila non hai táboa ou lápida que sinale cal é a praza da Constitución, e sendo contrario ao que está previsto e ao decoro do pobo e patriotismo dos seus habitantes, se dispoña canto antes que na paraxe máis pública se coloque unha inscrición que manifeste cal e a praza da Constitución». Diante deste tirón de orellas, o Concello -formado por Pedro López, Xoán Díaz, Agustín López, Xoán Fernández, Benito de Arcos, Ignacio Fernández, Matías López e Xoán Araújo como secretario-, á vista da necesidade manifestada polo xefe político de Lugo, acordou que «se busque e fixe por agora na parede da casa de don Xosé de Noboa, fronte á praza Maior, a pedra da Constitución, a cuxo fin se oficie politicamente ao mesmo Noboa, facéndolle manifesta a necesidade desta disposición mentres que non se chega a mellor proporción, para que conceda o seu consentemento e permiso. Cando sexa o caso da fixación se reúna en pleno o Concello para presenciala e aínda tamén se dará orde á Milicia Nacional para o mesmo efecto a fin de que solemnice aquel acto coa decencia e lucimento que require e o custe e gastos dunha e doutra se pague por agora por conta dos fondos atrasados desta vila dando libranza contra calquera debedor». Colocada a lápida na casa vella de Noboa -a casa que hoxe vemos é posterior e fíxose para albergar cuartel militar-, non durou moito tempo, pois o 19 de marzo de 1832 unha partida dos realistas de Burón, alzados contra a orde constitucional, que andaban soliviantando ao persoal por razón de sorteo de quintas e acosando ás autoridades lexítimas, ocuparon de noite a vila e, ademais de romperen a lápida, roubaron da escribanía do xuíz de primeira instancia, Ferro Caaveiro, todas as causas civís e penais que houbo que reconstruír despois, e ceibaron a todos os presos que estaban na cadea. Reposición Inmediatamente reposta a lápida só durará uns meses máis nesa ubicación, pois entrando na vila os voluntarios realistas de de Tui, botárona por terra, suprimiron o concello constitucional e reimplantaron as institucións do antigo réxime (Xustiza e Rexemento) e sorte houbo de que a maior parte da documentación quedase a salvo. Os avatares constitucionalistas do século XIX, as sucesivas constitucións promulgadas e axiña abolidas, non favoreceron a consolidación do nome da praciña, e non foi ata 1888 cando se coloca o rótulo que aínda hoxe vemos. Proclamada a segunda República, mantívose na súa ubicación, aínda que houbo un intento de mudarlle o nome. Afirmada e consolidada a rebelión militar e a posterior ditadura, chama a atención que ninguén, e ousadía e fachenda non faltaban, se decatase de que fronte ao Concello un letreiro dicía «praza da Constitución», cando os aires democráticos foran proscritos e definirse como defensor de calquera constitución significaría dar cos ósos no cárcere. Nugalla ¿Por qué en Sarria, á vista de ollos, á vista e paciencia dos sucesivos concellos formados por xentes que se autodeclaraban de extrema dereita, tradicionalistas, falanxistas ou de homes do Movemento, permaneceu inalterada a placa posta 40, 50, 60 e 70 anos antes? ¿Resistencia política? ¿Fidelidade democrática? Nada diso, simplemente nugalla e preguiza endémicas, circunstancias connaturais co quefacer político local. Mantívose esta denominación polo mesmo motivo que non houbo rúa Calvo Sotelo ata que unha orde da Falanxe o impuxo, ou que non foi ata 1957 cando tamén a Falanxe impuxo a rúa José Antonio Primo de Rivera. O curioso é que as forzas vivas da cidade non se decatasen que en Sarria non había «calle General Franco» nin «del Generalísimo». A mesma nugalla que nos casos anteriores. Nada de resistencia ou reservas.