Sen Álex, Santos nin Juanito, o Arousa persegue os tres puntos nun dos campos máis asequibles da Liga
TOMIÑO
Gañarlle a un rival como o que hoxe lle toca lidiar ao Arousa antóllase pura obriga para calquera aspirante ao ascenso. E é que o conxunto arlequinado visita esta tarde (16.30 horas) o cuarto peor equipo da Liga, co terceiro campo máis asequible da Preferente Sur para os conxuntos visitantes coma escenario. O Tomiño, anfitrión do Arousa, só foi quen de vencer en tres dos seus trece partidos precedentes no seu terreo de xogo, onde empatou en cinco ocasións e perdeu noutras tantas esta tempada. Se a iso se lle suman os 15 puntos que separan a ambos contrincantes na clasificación, co cadro vilagarcián cun partido menos disputado, calquera resultado que non pase pola vitoria foránea sería unha sorpresa, e quizais o descarte definitivo do conxunto de Ricardo Fernández na carreira polo ascenso á Terceira División. O técnico arlequinado desprázase a Tomiño con tres importantes baixas. Ademais de Juanito, que dúas semanas despois segue pendente dun diagnóstico definitivo á que semella unha grave lesión muscular, o parte de ausencias nas filas arousistas inclúe a Santos, por acumulación de amonestacións, e mais a Álex, que no partido da semana pasada sufríu un esguince nun nocello que o mantivo parado desde entón. Cobas, que aínda arrastra fortes dores nas costas, era onte dúbida, de aí que Ricardo viaxe con 17 efectivos a Tomiño. De non poder xogar finalmente o central, Óscar ocuparía o seu posto no medio da zaga, con Roberto situado no lateral dereito. Iago abandona o club O xuvenil Josiño aparece na convocatoria logo de subir con carácter permanente ao primeiro plantel a semana pasada. Un cambio do estatus favorecido pola baixa de Iago Ameneiro no club. O interior, que chegou ao Arousa o pasado verán procedente do San Martín, pedíu a carta de liberdade canso de non contar para Ricardo.