O pavillón multiusos da parroquia de Sobrada, en Tomiño, «podería ter que ser pechado», segundo afirma o vocal socialista desta parroquia, Manuel Míguez, «no caso de que o concello non acepte establecer as axudas que se lles solicita». Os gastos deste pavillón chegan aos 6.000 euros anuais entre seguros, limpeza e reparacións cando o orzamento dispoñible na parroquia para todas as actividades da mesma son duns 18.000, explican. Os socialistas reclaman ao Concello que, «polo menos, se faga cargo da limpeza destas instalacións que son utilizadas habitualmente polos alumnos e alumnas do colexio público de Sobrada, coa finalidade de diminuír os gastos aos que ten que facer fronte a parroquia e poder atender outras necesidades de mesma». De non ser así, os veciños non poderían facerse cargo do mantemento e, por parte do goberno municipal, «poderíase estar asistindo ao abandono dos servizos públicos». Por outra banda o portavoz do grupo municipal, Santiago Vergara, amosou a súa «sorpresa» polas informacións de que as antigas vivendas escolares de Sobrada inda non foron cedidas ós veciños tal e como se decidiu en pleno no 2004. Estas vivendas, sinala, «xa foran desafectadas por de Educación coa finalidade de poñelas ó servicio da parroquia».