Unha bañeira excavada na pedra en Redondela na que curar baixo a auga

Pedro Rodríguez Villar
pedro rodríguez REDONDELA / LA VOZ

REDONDELA

Xosé Couñago relata a historia que agocha a parroquia de Cesantes

08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No monte Cabaleiro, no barrio de Outeiro das Penas (Cesantes, Redondela) hai un conxunto de pedras que os veciños coñecen como Bañeira da Moura, un topónimo que indica que hai unha lenda agochada nese lugar. O espazo está apartado «no medio do monte», conta o colaborador da asociación cultural Alén Nós de Redondela Xosé Couñago. O conxunto pétreo está, tamén, moi cerca do barrio de Soutoxuste en O Viso. Esta condición de espazo limítrofe fai que se considere «un deses lugares liminais, emprazamentos que se localizan entre dous territorios, tomados tanto desde o punto de vista xeográfico como simbólico, entre o mundo real e o mundo sagrado ou imaxinario. Un lugar de encontro entre o noso mundo e o de máis alá a través da natureza animada», explica Xosé.Estos lugares son a orixe de moitas lendas na tradición oral galega.

Unha vez no lugar, é doado distinguir a Bañeira da Moura. Foi excavada na rocha en forma de pía cuadrangular e ten un orificio de saída no extremo que mira ao norte. «Aquí contan os veciños que se facían rituais para a curación a través da auga. O feito de denominarse popularmente como bañeira vincúlaa co concepto de baños, ablucións ou lavados do corpo na pía que foi escavada na rocha», explica Xosé. Outro dos puntos de interese que hai ao redor do lugar é que, posiblemente, «podemos estar ante un dos lugares denominados animistas do concello de Redondela. Estes son aqueles emprazamentos nos que se atopa algún elemento, normalmente da natureza (montañas, rochas, árbores, fontes, ríos, praias...), que propicia a realización de rituais que procuran a curación, a fertilidade ou mesmo a adiviñación, entre outros. Estes rituais parten da crenza de que eses elementos da natureza teñen ánima propia, teñen alma, e teñen virtudes, poderes e características sobrenaturais», continúa Couñago.

O colaborador de Alén Nós tamén lembra que hai moitos lugares en Galicia con rituais similares aos da Bañeira da Moura. «Algúns exemplos son as existentes no castro de San Tomé de Ourense, ou no castro de Santa Mariña de Maside; a Pena da Hucha do Sacrificio, no Irixo; O castro de San Lourenzo, en Coruxo (Vigo), ou o Penedo de Santa Isabel, en Penadauga en Escuadro (Silleda), un caso moi singular e cunha fermosa lenda», indica.

No conxunto de pedras da Bañeira da Moura tamén se pode distinguir unha cruz gravada que está acompañada de varias coviñas ao seu redor. «Sabemos que en ocasións as cruces que hai en lugares vinculados a rituais animistas representan o selo ou marca da súa cristianización», explica Xosé. «O animismo é anterior ao cristianismo, practicado xa dende a prehistoria no mundo galaico no que habitamos. É salientable observar como a maioría das crenzas e rituais animistas continúan vivos na actualidade, convivindo en moitos casos coa súa asimilación ao cristianismo, unhas veces incorporados en paralelo á celebración de rituais cristiáns, outras veces coa presenza de cruces gravadas que representan a súa cristianización».

Xosé tamén lembra que en Redondela aínda manteñen varios lugares dedicados ás mouras e a deidades prehistóricas: «Temos o castro de Negros, a figura cristianizada de Santa Mariña, a moura do monte da Peneda, unha serea en Soutoxuste e esta de Cesantes», conclúe.