«A todo profesional lle gusta crecer»

x.r.c. VIGO

REDONDELA

M.MORALEJO

Montes cualifica de notable a tempada do Coruxo e deixa no aire o seu futuro no Vao, xa que ten outras ofertas

25 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Jacobo Montes Couñago (Redondela, 1977) vén de asinar unha notable tempada no Coruxo, ao que salvou sen atrancos logo dun curso moi irregular onde so quedou poñerlle a rúbrica cunha clasificación para a Copa do Rei que finalmente non chegou. Agora, o adestrador e máis o seu irmán abren un período de reflexión sobre o seu futuro. Jacobo non esconde que ten ofertas e que todo o mundo quere dar un paso á fronte, pero tampouco descarta seguir no cadro de O Vao.

-Que avaliación fai da tempada do Coruxo?

-Con independencia da posición e que de non conseguísemos ese segundo obxectivo (a Copa do Rei) que nos marcamos, unha vez conseguida a salvación creo que é unha tempada notable do Coruxo, sobre todo por cómo se conseguiu, con partidos de moi bo nivel, con moi bo xogo.

-Ademais, sendo un equipo estable durante case todo o curso.

-O adxectivo que nos pode cualificar é sobre todo regularidade. Fomos moi fieis a un estilo, moi fieis ao xeito de conseguir os puntos, porque nunca estivemos moitas xornadas sen puntuar e de feito estivemos 13 sen perder. Fomos un equipo moi regular e conseguimos a salvación con moita antelación e creo que no tramo final nos faltou un pouquiño de gasolina para conseguir o segundo obxectivo que sería unha clasificación histórica para a Copa do Rei.

-Queda unha pequena espiña por non meterse na Copa?

-Por suposto que si, pero é certo que para un equipo humilde como o noso para sumar 50 puntos ten que estar durante nove meses a un nivel de intensidade moi alto e nós non temos esa profundidade de plantel que teñen outros equipos e seguramente botamos en falta dous ou tres xogadores máis de refresco que nos desen ese plus para afrontar o último mes de competición con opcións de acadar o segundo obxectivo.

-Foi a Segunda B máis dura de moitos anos por estar os equipos de Madrid?

-Eu levou dous anos no grupo 1 de Segunda B e dende logo que este ano foi bastante máis duro que o pasado. Cos equipos de Madrid creo que subiu un chanzo o nivel dos equipos, porque ademais tamén viñeron ao noso grupo equipos como a Cultural ou a Ponferradina, o Burgos e os dous de Salamanca que teñen un presuposto elevado. Foi un grupo moi duro pero eu son dos que pensa que canto máis dificultade maior rendemento vai a ter o teu equipo, por iso é para estar satisfeito coa tempada que fixemos.

-Van seguir en Coruxo (Jacobo e Marcos Montes)?

-Estamos en negociacións co Coruxo e é certo que hai rumores, pero é moi cedo. Eu xa dixen por activa e por pasiva que ata principios de xuño non ía a tomar unha decisión.

-Pero teñen outras opcións ou o Coruxo é a primeira?

-Hai opcións e o que queremos é tomar a decisión en común (co seu irmán). O que non queremos é precipitarnos, hai ofertas, temos que valoralas todas e por suposto que o Coruxo é unha opción a ter en conta.

-Pero prioritaria?

-Eu son de pensar que o Coruxo foi o equipo que me deu a oportunidade e iso teño moito en consideración. Evidentemente a todo profesional lle gusta crecer pero o que non imos a facer é precipitarnos e entón imos a tomarnos dúas semanas de reflexión e ver que sucede.