Lingua viva

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

MOAÑA

M.MORALEJO

19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Disque os esquimós de Canadá, Groenlandia e o norte de Alaska teñen ata nove ou dez maneiras diferentes de nomear a cor branca. Non sei se é exactamente así. Pero en galego temos unha chea de denominacións para a choiva (orballo, cairo, ballón, bategada, mera, morriña, chuvasco, barrufa, barbaña, poalleira…) e mesmo para o verbo chorar (bagullar, nifrar, lagrimexar, lepear, chorar, gañir, choromicar, carpir...) segundo o momento e a circunstancia). Baixei estes días ás rías, a visitar os meus amigos Geli e Xaime de Moaña. Dende os principios da pandemia non nos viamos, e daquela, coma outras veces, acabamos repasando léxico e ausencias, «pois os académicos sabedes moitas cousas -recoñecen-, pero a lingua está na xente, e hai que escoitar a xente», dito sexa con todo o respecto e cariño.

E sentamos ollando o mar, diante da allada de Meira. Alí estaba a memoria do meu tío Alfredo, que foi quen me ensinou algúns destes segredos. A allada, por exemplo, que aínda non temos no dicionario normativo, e un asentamento manso no fondo do mar, perto da praia, a xeito de esteiro ou ensenada, onde contra a tardiña vén comer o peixe. Temos a allada de Meira, a allada de Tirán, a allada de Raxó… O meu tío Alfredo, que vivía da pesca da nécora, a sardiña e o camarón, nunca ía á praia de festa. «A praia é para traballar», advertía cada vez que lle pediamos que viñese connosco os domingos a Lourido ou Campelo, na ría de Pontevedra.

Para os urbanitas pontevedreses, a praia era sempre a praia e na praia hai area, se acaso area seca ou mollada, pero area. Para os mariñeiros das rías, que son o mar do traballo, a area é distinta e ten varias denominacións, igual que a cor branca para os esquimós do ártico. Hai area seca e area mollada, area gorda e area doce, area milla, tesal, fanco (onde come a ameixa, a cornicha, o croque, a vieira, a voandeira, o moelo e os relós), o bruhal (onde cría a nécora e o camarón, e onde bolen os buraces), o cunchido (onde fai o niño o polvo)… Nomes diferentes para un universo rico onde cada cousa tiña o seu sitio e había un sitio para cada cousa.

A marca que deixa o mar cando sube a marea é a mallante, e á hora da mallante sabemos que peixes poden caer no aparello. Na praza de Moaña una zorra, que tamén pode ser un artefacto de transporte (na neve) ou para mover mercadorías no peirao, é o polvo vello e grandón que non quere ninguén, incomestible, por duro e reseso. O gaveiro é onde aniña e traballa o polvo, o seu tobo particular. Ás robalizas pequenas chámanlles cacheiras e, por moito que eu diga, una cousa é o peixe sapo e outra distinta a rabada, mais cativa e menos considerada. Sobre as cigalas hai discusión. Uns considérano un castelanismo. Outros argumentan co tamaño e a procedencia (dentro da ría e fóra da ría). Logo están os bruños, rabudas ou rapetas, que viven en castroeiras no fondo do mar. Unha riqueza. Unha verdadeira festa.