Ata o ano 1963 foi libre e familias enteiras poboaban as praias dende Domaio ata Tirán
05 oct 2015 . Actualizado a las 11:18 h.Apráctica do marisqueo témola constatada en Moaña dende a Prehistoria pola aparición de cuncheiros nos castros dos Remedios en Tirán, Montealegre en Domaio ou na Devesa do Mouro na Seara por exemplo. Moito máis tarde, no século XVII, o frade Martín Sarmiento dixo que no Morrazo, por poucos cartos, podíanse mercar ameixas, ostras, caramuxos e berberechiños por centos.
Non obstante, isto contrasta un pouco coa información que nos deu a mariscadora María Pérez (María de Almas) en 1992, cando tiña 79 anos e dicía que antigamente non había croques na praia da Xunqueira. E fora sobre o ano 1928 cando os dorneiros de Rianxo chegaban ata a praia de Moaña e tocaban o corno para vender o peixe recén pescado e, á vez, os croques que lle sobraban do cebo para a robaliza. Enseguida foron cultivados nas praias moañesas reproducíndose con moita facilidade. Despois naceu o costume de levalos a vender ás feiras de San Xosé en Abelendo, de gran estima para acompañar os viños do país.
Ata 1963 o marisqueo era libre e, cando se abría a veda de outubro a xaneiro, milleiros de persoas, incluídas familias enteiras, poboaban as praias dende Domaio ata Tirán _tal como se reflicte na foto de Méndez que acompaña o texto_ para apañar toda clase de bivalvos; sobre todo, as diferentes castes de ameixas e croques que mercaban os intermediarios das fábricas ao prezo que eles impoñían.
En poucos días, as praias eran arrasadas e as ganancias exiguas para paliar as necesidades domésticas. Despois dese ímpetu inicial quedaban unhas poucas mariscadoras que chegaban a traballar incluso noutros areeiros como os de Samil, Alcabre, Bouzas, Cangas, Aldán ou o de Portomaior en Bueu.
En abril de 1963 impúxose o carnet do mariscador, ao que ninguén lle fixo caso e a partir dos anos 70 apróbase o Plan de Explotación Marisqueira, con cursos de extracción. En 1975 fórmase xa a Asociación de Mariscadoras de a pé ligada á Confraría de Pescadores de Moaña e en 1992 a Consellería de Pesca da Xunta regula esta tradición co Plan Xeral de Explotación Marisqueira de Galicia, _ampliado co Plan Galicia de 1997_ que permitiría a profesionalización do sector, dando a oportunidade de mariscar todo o ano. En 1994 utilízase por vez primeira o Permiso de Explotación Marisqueira (Permex) que en principio obtiveron 1.200 productoras. Despois, en poucos anos, quedaron reducidas a 600; sobre o ano 2004 eran unhas 300; e na actualidade, entre 60 e 70, aproximadamente, as cales o ano pasado chegaron a superar o medio millón de euros nas vendas para unha extracción de 63 toneladas de bivalvos, segundo a bióloga María Ortega.
Atrás quedaron alternativas de futuro, non exentas de batallas e discusións como a de que se a praia é de todos ou para quen a traballa, de estudos biolóxicos, de cultivos en pochóns, de repoboacións con sementes, de espallamento das crías, de porlle fin aos intermediarios, de control nas vendas e prezos, de vixiancia e dun longo etc., tendo como colofón o pasado día 19 de xuño, cando os reis de España Felipe VI e Doña Letizia condecoraron a Alicia Rodríguez Pérez coa Orde do Mérito Civil en recoñecemento ao seu labor no mundo do marisqueo a pé. Alicia representa, pois, a todo un sector, tanto en Moaña como en Galicia, na loita por evolucionar un sistema tradicional e obsoleto que convertía a apertura da veda, alá por principios de outubro, nunha salvaxe extracción e esquilmación en catro ou cinco días por un proceso de autoxestión capaz de estabilizar a profesión de mariscadora durante todo o ano.
Cando os reis condecoraron a Alicia Rodríguez recoñeceuse a todo un sector