O veraneo no Con

Había unha magnífica Quinta no Con e que a súa envidiable posición a facía morada predilecta do varias veces ministro José Elduayen

Na praia do Con con Antonio Sanjurjo, Paz e Tránsito Cid, no ano 1908.
Na praia do Con con Antonio Sanjurjo, Paz e Tránsito Cid, no ano 1908.

Moaña

A finais dos anos 60 do século pasado a miña familia vivía na Ribeira do Con e eu correteaba por alí alleo ás persoas ás que chamaban señoritos e non eran outros que os veraneantes. Unha parella atraía a miña atención, sempre paseando de ganchete, os dous moi elegantes e a ela todos lle chamaban Miss España. Moitos anos despois a curiosidade fixo que indagase de quen se trataba e foi doado descubrilo. Era Emilia Docet Ríos, elexida Miss España en febreiro de 1933 e que a dicir dalgúns convertírase na musa do Partido Galeguista. Participou no famoso mitin das Arengas na praza da Quintana o 25 de xullo de 1934 xunto con Castelao, Bóveda, Otero Pedraio, Paz Andrade e Suárez Picallo.

As crónicas da época din que pronunciou un discurso bello y sólido. Era unha persoa de gran implicación social na defensa dos desfavorecidos e representaba un novo modelo de muller polos seus estudos de peritaxe, pola súa vestimenta, era cosmopolita e practicaba varios deportes. A guerra e o franquismo cambiaron a súa vida e a de todos.

Co tempo seguín curioseando na historia dos veraneantes do Con e descubrín por un relato de 1874 de Ramón García Vicetto que había unha magnífica Quinta no Con e que a súa envidiable posición a facía morada predilecta do varias veces ministro José Elduayen, antes de ter comprado o castelo de Monterreal en Baiona. A súa muller, a Marquesa del Pazo de la Merced, seguiu visitando a finca propiedade de Francisco Martínez Villoch, dono da fábrica de conserva do Con.

A principios do século XX era frecuente atopar anuncios na prensa de aluguer de casas de veraneo, ademais de que o transporte de ría tiña unha parada fixa na nosa praia e en 1909 a Gaceta de Madrid (BOE) publicaba a autorización para a construción dun balneario na praia solicitado por Balbino Rodríguez Pombo en nome da sociedade El Progreso de Moaña. Non hai constancia da súa construción.

Os marqueses de Méndez Núñez que vivían en Pontevedra, Vigo e Madrid tiñan fixada a residencia de verán na súa Granxa do Con (O Real) e cada ano a prensa anunciaba a súa presencia. Na primeira metade do XX o número de familias que veraneaban na zona era abundante, desde o xeneral Burguete, Director General da Garda Civil, ata a familia de Antonio Sanjurjo Badía que no día do Carme de 1924 organizou unha verbena na praia pra celebrar a onomástica da neta Carmencita.

En 1943, o mestre Santiago Barreiro, nun folleto publicado analizando a vida local de Moaña di que O Con é a estación veraniega por excelencia poboada de chalés, palacetes e mansións señoriais. Mención aparte merecen os descendentes de Concepción Arenal que desde hai máis dun século veñen veraneando no Con, dándose o caso de que en 1936 parte da familia que se atopaba no seu chalé tivo que quedar durante os anos da guerra residindo en Moaña e aillada do resto da familia que estaba en Madrid.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

O veraneo no Con