«Esta malla é o peche dun ciclo, volvemos á orixe para avanzar»

juan pedrouzo / o. p. LALÍN / LA VOZ

BAIONA

A vixésimo primera edición deste evento xa tradicional en Doade celébrase esta mañá, pero sen público presencial

22 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo Etnográfico Casa do Patrón de Doade organiza un ano máis a súa Malla Tradicional, que nesta ocasión acada a súa XXI edición. O evento terá lugar hoxe a partir das 11.00 horas, pero por mor da crise sanitaria esta vez non contará con público presencial. Manuel Blanco, fundador do museo xunto coa súa muller, explica que manterán o carácter cultural da xornada, pero cancelarán as actividades máis lúdicas, como a tradicional comida da confraternidade.

-Este ano a malla non vai ter público presencial.

-Síntome fastidiado e lamento profundamente que non poida vir o público. Temos a obriga moral de seguir coa malla para homenaxear aos nosos antepasados, pero tamén a resposabilidade moral de non poñer en perigo a saúde dos participantes.

-Canta xente adoitaba vir?

-Entre a mañá e a tarde viñan a vela preto de 3.000 persoas. No acto da malla participaban unhas 70, pero este ano serán só 44 veciños da parroquia.

-Pero poderá verse a distancia.

-Haberá conexións en directo da TVG, así como transmisión vía streaming en Internet. Tamén montaremos un vídeo da malla 2020 para difundila polas redes sociais, así como outro recopilatorio de todas as mallas.

-Xa van 21 edicións ...

-E esta vai ser moi similar á primeira. Ao ter que suprimir moitas actividades, vai recordar á malla orixinal, que era moito menos completa. Eu véxoo como o peche dun ciclo, regresar ás orixes para avanzar á seguinte etapa. O seguinte paso é convertir a malla en Festa de Interese Turístico de Galicia e os trámites xa están moi avanzados.

-Como se orixinou a Malla?

-Tiñamos un par de máquinas no museo e dixemos «hai que poñelas a funcionar!». Restaurámolas e unha cousa levou á outra. A malla foi a actividade a nivel de traballo comunitario máis importante da historia de Galicia, e quixemos homenaxeala.

-E en cada edición seguiu medrando.

-Fumos engadindo diferente tipos de mallas, exposicións, a comida en comunidade, etc. Conseguimos cada vez máis riqueza etnográfica e folclórica, e con ela máis público.

-Para vostede cales foron as edicións máis destacadas?

-Recordo a primeira con moito cariño, pero a que fixemos en Baiona foi un éxito, algo único e histórico, pois poucas mallas se fixeron na costa. E a do ano pasado foi a máis completa en todos os aspectos. Sempre intentamos engadir algo novo, pero aínda que esta vez non puido ser así, a Malla ten que continuar.