O Calvario, barrio da infancia de Begoña Caamaño, abraza á autora no IES Castelao

b.r.sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

Acto en homenaxe a Begoña Caamaño no IES Castelao de Vigo. Na foto, Marcos Calveiro (Galaxia), Beatriz Caamaño (irmá de Begoña) e o director do instituto, Cándido Paniagua.
Acto en homenaxe a Begoña Caamaño no IES Castelao de Vigo. Na foto, Marcos Calveiro (Galaxia), Beatriz Caamaño (irmá de Begoña) e o director do instituto, Cándido Paniagua. M.MORALEJO

A súa irmán, Beatriz Caamaño, compartiu recordos íntimos e lanzou unha mensaxe directa á mocidade presente

20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O salón de actos do IES Castelao acolleu onte unha emotiva homenaxe a Begoña Caamaño no marco da súa celebración no Día das Letras Galegas. Durante o acto presentouse o libro de Ramón Nicolás A nena que perdeu un zapato na lama, obra que afonda na traxectoria vital e literaria da autora. Na cita participaron Beatriz Caamaño, irmán da escritora; Maika Aguado, amiga da homenaxeada; a música Su Garrido; e Marcos Calveiro, director de Edicións da Editorial Galaxia, nun encontro que combinou lembranzas, análise literaria e música.

Un dos momentos destacados foi a intervención de Beatriz Caamaño, que compartiu recordos íntimos e lanzou unha mensaxe directa á mocidade presente. Nun contexto social que definiu como «duro e complexo», subliñou a importancia da lectura e do pensamento crítico. «É moi doado caer en certos discursos sen pensar. Por iso é fundamental ler, formarse e escoitar outras voces», dixo aos rapaces do centro que dirixe Cándido Paniagua.

Un dos momentos máis emotivos foi cando Beatriz lembrou a súa infancia no barrio do Calvario: «Vivíamos na rúa Cataluña, no número 10. Toda a nosa familia estaba alí, e estivemos alí ata que eu tiña dez anos e Begoña once. Tivémonos que marchar porque a casa quedara afectada polo plan urbanístico e xa se nos quedara pequena, pero somos de alí, é o noso barrio de nacemento e lembranza». Esta conexión coa cidade e co barrio, afirmou, marcou profundamente a obra e a vida de Begoña.

No centro, Beatriz Caamaño, irmá de Begoña Caamaño.
No centro, Beatriz Caamaño, irmá de Begoña Caamaño. M.MORALEJO

A irmá da autora incidiu tamén na necesidade de reivindicar a diferenza como valor. «Que non teñan medo a sentirse diferentes», sinalou, lembrando que tras a imaxe pública dunha persoa alegre tamén existiu «un sufrimento por sentirse distinta, sobre todo na infancia». Con todo, destacou que foi precisamente esa singularidade a que acabou converténdose en forza creativa. «De pequena chegou a sentirse un parruñliño feo, pero cando comezou a escribir desvelouse todo iso que hoxe estamos celebrando». Caamaño agradeceu tamén o recoñecemento institucional e o apoio recibido pola familia.