Marcos Alonso, Arántzazu Luna e Gonzalo Navaza asinan o volume incluido na colección Toponimia do Val de Fragoso
11 feb 2026 . Actualizado a las 13:16 h.O Concello de Vigo e a Universidade de Vigo presentaron un novo tomo da colección Toponimia do Val de Fragoso. Está dedicado á parroquia de Matamá e é froito do traballo conxunto de Marcos Alonso, Arántzazu Luna e Gonzalo Navaza.
O primeiro, veciño de Matamá, foi o encargado de facer a recollida de topónimos entre a poboación máis vella da zona. Esta tarefa, segundo explicou na presentación, foi complementada pola investigación en diferentes arquivos, especialmente nos protocolos notariais dende o século XVI ao XIX. Marcos Alonso explicou que este volume complementa a historia de Matamá que foi publicada no 2022. Alonso reivindicou a toponimia das parroquias rurais viguesas fronte á presión urbanística que exerce sobre elas a cidade, ao tempo que lembrou a Marta Souto —quen dirixiu a área de Normalización Lingüística do Concello— como impulsora destas publicacións.
Na presentación do libro estivo o alcalde. Abel Caballero sinalou que a recuperación da toponimia é un acto de autoidentificación da cidade e resaltou a cooperación que mantén o Concello de Vigo coa Universidade de Vigo nesta materia. A colección Toponimia do Val de Fragoso é froito desa colaboración.
Pola súa banda, Susana Reboredo, vicerreitora de Extensión Universitaria, incidiu nos bos resultados que aporta a colaboración entre administracións públicas e avogou pola difusión destes traballos nas novas xeracións.